Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURA

Con vocación comunal

Fórmulas para alén da crise

Barbazul: unha creación de Blanco&Roja.

A reconversión da industria cultural que padeceu Galicia provocou unha convulsión da que o sector non se recuperou aínda hoxe. Probablemente nada volvera ser igual. Os títulos publicados e as súas tiraxes diminúen de maneira significativa cada ano. Os medios de comunicación escritos atópanse ao bordo do peche e desapareceron empresas que semellaban consolidadas. Os museos, institucións e organismos públicos reduciron de tal maneira os seus presupostos para actividades que as industrias auxiliares destinadas a satisfacer a súa demanda colapsaron. As compañías teatrais, as produtoras de cinema ou as oficinas e asociacións vinculadas á potenciación do idioma mantéñense nun impás menestoroso, mentres que moitos selos vinculados ás novas tecnoloxías non atoparon condicións favorables para a continuidade e tiveron que coller as maletas. Galicia pasou de facturar man de obra primaria a converterse nun excelente mercado exportador de emigrantes especializados.

Fronte a esta confusión, apareceron nos últimos anos unha serie de colectivos e grupos que tratan de abrirse camiño na supervivencia da industria cultural mediante mecanismos máis ou menos novidosos, sexan cooperativas, entes de funcionamento celular, confederacións, autónomos colaborativos ou asociacións, con intereses artísticos que pasan pola transversalidade do feminismo ou a intervención dos espazos públicos. Sen dúbida, un dos primeiros proxectos que transitaron por estas estratexias foi Cooperactiva, modelo revolucionario que organizou acontecementos como o Festiclown. Este tipo de estruturas -con aspiracións alternativas- están a dinamizar o país a través dunha sutil pero efectiva intervención en espazos privados, concellos, institutos, escolas, centros socioculturais ou plataformas virtuais.

Os artistas encontran físgoas inesperadas para difundir as súas ideas de transformación e fano, ademais, desde posicións sen relación directa cun compormiso político concreto (aínda que, por suposto, teñan emprazamento político) senón cunha enorme fidelidade aos principios de igualdade, liberdade e felicidade. O feito de desvincularse da estrutura partidaria fainos máis indetectable e ao tempo (hai que recoñecelo) vulnerables, en canto que a desaparición deste tipo de proxectos azarosos, entusiastas, inestables ou autoxestionados non deixa turbulencias. Porén, os seus imupulsores son adoito tan novos que teñen enerxía suficiente para renacer das cinsas dos proxectos extintos para impulsar outros novos.

Cooperativas como a creada arredor de Númax, en Compostela, son exemplo de boas ideas que poden redundar nunha economía rendible e comprometrida. En Vigo, Pum Pum Dixital, saídos do magma de escoitar.org ou de alg-a.org, especializáronse en software ou app's. Desa contorna emerxeu tamén Horacio González, tecnocreador que impulsou o artefacto hipertextual Agentes del Caos xunto a Ana González, avogada especialista en dereito cultural que noutro tempo fundou o Furancho de Arte Contemporánea en Compostela.

A actriz e artista visual María Roja impulsou distintos colectivos -áIntemperie ou Blanco&Roja- e agora participa nun dos proxectos de RPM, grupo que creou en colaboración con AGADIC o programa das Residencias Paraíso, con estadías artísticas de investigación arredor da danza e das artes do movemento. E aí están Sabela Mendoza, esculcadora de fenómenos culturais a partir da danza, ou Marta Pérez, creadora e investigadora das artes escénicas que se centra na análise das perspectivas feministas e dirixie no Fito de Ourense o Encontro Mulleres Creando.

A lista é ampla e inclúe desde a extraordinaria experiencia comunal dos vigueses de Cintaadhesiva (coa poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada como aglutinantes) a Cristina Balboa, creadora xunto ao mexicano Manuel Parra do Proxecto Pank. A cooperativa Rexenerando, pola súa banda, baséase nos principios da economía social e incorpora a visión do xénero aos seus proxectos, que se desenvolven sobre todo na área coruñesa.

Elas e eles (xunto a outras formacións que actúan en claves concorrentes) traballan contra o eventismo, término que fai referencia a esa tendencia de construír a cultura a partir de eventos inconexos e aillados, en vez de articular unha política cultural sólida e coherente, algo para o que é necesario imaxinación e decisión política.

Compartir el artículo

stats