Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Teimende e a tradición do cacao

No Museo do Chocolate de Parada de Sil

No corazón da Ribeira Sacra, na localidade de Teimende -pertencente ao concello ourensán de Parada de Sil- hai unha casa moi especial. Tivo gran sona durante máis dun século (desde finais do XIX deica aos anos oitenta do XX) porque aquí se elaborou chocolate de forma artesanal a partir do cacao que se importaba. Desde hai dous anos, vivenda e maquinaria constitúen o primeiro museo do chocolate de Galicia.

A familia de Rosa Casares Prieto cedeu ao concello a vivenda e e mais fábrica dedicada á transformación do cacao. Todo empezou co bisavó de Rosa, despois co tío avó e, máis tarde, co avó Arturo, que instalou en 1934 un muíño de dúas grandes pedras, tirado por unha burra. Posteriormente foi o seu fillo Ricardo (pai de Rosa e Loli) o que se fixo cargo do negocio, sendo aínda un neno. Emprendedor e entusiasta, nos anos 50 renovou as instalacións, dotándoas coa maquinaria da época e de electricidade da fábrica de luz do río Mao. Cando se xubilou Ricardo Casares, o último chocolateiro, os seus descendentes decidiron doar inmoble e máquinas -en perfecto uso- para gardar a memoria do oficio. Ademais dos mecanismos propios da transformación do cacao, a familia doou importante documentación sobre a actividade industrial e comercial que realizaron as dúas últimas xeracións que posuíron a fábrica.

Durante un século desde este pequeno concello da Ribeira Sacra saíu o selo de Chocolates Caldelas. Foi emblema de Parada de Sil, onde nunha pequena industria familiar moeu o cacao chegado doutros continentes para convertelo en chocolate. Cando os herdeiros cederon ao concello a casa e a fábrica, en 2013, Rosa Casares lembraba a súa infancia e a da súa irmá, chea de cheiro a cacao, de papel de aluminio e celofán de cores cos que envolvían as tabletas de chocolate que sacaban dos moldes durante as vacacións, nas que tamén acompañaban o pai á feira de Monforte e ás tendas da provincia de Ourense. Ricardo foi un emprendedor na época, que conseguiu comercializar o seu produto con tesón, visión de futuro, esforzo e amor ao oficio. Primeiro ía a feiras e tendas a cabalo, logo en bicicleta, despois en moto e, máis tarde, a finais dos anos 60, en furgonetas de reparto xa rotuladas.

Naquel entón o cacao era monopolio estatal e importábase en sacos de 60 quilos. Custaba unhas 50 pesetas o quilo (cara aos anos setenta) e a súa orixe era Guinea, aínda que máis tarde viría tamén de Costa do Marfil e Brasil. O chocolate chegaba enteiro e había que torralo para romper a casca. Daquela a semente pelábase e moíase ata obter unha pasta densa que máis tarde se introducía no forno, mesturada con fariña, azucre e manteiga de cacao. O posterior paso pola "refinadora" permitía obter diferentes texturas para distintos tipos de chocolate. A pasta pasaba aos moldes, tableteábanse, deixábanse arrefriar e finalmente envolvíanse con diferentes cores segundo o tipo de chocolate. Os moldes contiñan o nome da fábrica, e na báscula dábaselles o peso que lles correspondía segundo a categoría na que ían comercializarse.

As instalacións ofrecen desde un percorrido pola industria chocolateira e a súa influencia na historia de Parada do Sil, ata pequenos obxectos e maquinarias relacionados coa historia dos mesmos e o proceso de recuperación. As máquinas dos talleres Juan Borrell de Barcelona e da fundición Anxo García de Astorga son tamén protagonistas deste museo galego do chocolate xunto con paneis con explicacións do proceso de elaboración e das rutas comerciais que trouxeron o cacao a Europa ao longo da historia. Ademais o espazo museístico conta con abundante documentación e fotos sobre a actividade realizada polas dúas últimas xeracións que mantiveron a fábrica.

Os canóns do Sil e do Mao

  • A historia de Parada de Sil está estreitamente vinculada ao mosteiro de Ribas de Sil do que os primeiros testemuños escritos aparecen no século X a través das doazóns que se fan aos seus abades. Destas referencias dedúcese a súa adscrición regular a San Frutuoso, aínda que avanzada a Idade Media adoptaría a regra de San Benito, da mesma forma que a maioría dos cenobios da Ribeira Sacra. A vila, capital municipal, foi sede do priorado -Santa Cristina pasou a depender co tempo do cenobio de Santo Estevo- que aínda existe cun fermoso arco de entrada de medio punto, rematado nun frontispicio que leva encostado un escudo con referencias ao abade. A igrexa parroquial, dedicada a Santa Mariña, é do século XVIII de boa cantería, dunha nave e ábsida recta. O concello está rodeado dos canóns do Sil e do románico que deu nome á zona. Nesta espectacular xeografía atópase tamén a fábrica de luz do río Mao, que abastecía de enerxía a fábrica de chocolate de Teimende. A vella central -reformada tanto interior como exteriormente- é punto de partida do Sendeiro do Río Mao, un traxecto que percorre a escarpada beira fluvial a través dunha pasarela de madeira que continúa ata a fusión do Mao co Sil. O máis chamativo desta senda, que ten ligazóns con outros puntos -como Barxacova-, é que o camiño se fai sobre pasarelas de madeira suspendidas sobre o desfiladeiro.

Compartir el artículo

stats