Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do teatro radiofónico

A creación dramática segundo Leonardo Fibonacci

Eva F. Ferreira.

Lendo estas catro pezas, premiadas no X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2016 que se vén convocando anualmente desde a Radio Galega e desde o programa que dirixe a poetisa Ana Romaní, non podemos deixar de pensar nalgunhas propostas dos futuristas italianos. Queremos lembrar, en especial, aquela que o seu ideólogo máximo, Filippo Tommaso Marinetti, nos traslada no manifesto titulado "O teatro futurista sintético", que fai público en 1915, e no que establece que resulta estúpido escribir cen páxinas alí onde abonda con unha. Amais da síntese, propón liberarse da técnica, esquecer a verosimilitude, e rachar calquera posible causalidade. Fala tamén de fragmentos, de confusión, de enmarañadas e de caos, e mesmo esixe non renunciar xamais ao salto no baleiro, no ignoto, no inexplorado. Con Marinetti e outros creadores das primeiras vangardas, coma Edward Gordon Craig, Hugo Ball, Luigi Russolo, Kurt Swchitters ou Oskar Schlemmer, comeza a primeira xeira do que a mediados do século XX se comeza a coñecer como teatro posmoderno, e que explora todas esas posibilidades de rachar con calquera posibilidade de lóxica narrativa, escénica ou visual. Unha corrente moi presente na escrita dramática galega máis contemporánea.

Pero o problema é que o baleiro como tal non existe. Recentemente imaxes recollidas polo telescopio Hubble mostran que nos puntos máis escuros do ceo, a distancias que realmente xamais seremos quen de imaxinar, hai montes e moreas de galaxias, de nebulosas, de estrelas, de planetas, que nunha primeira aproximación aparecen como simples puntos luminosos. Mais ese punto único que reclamaba Marinetti para a páxina en branco, en realidade contén milleiros e milleiros de puntos, se o contemplamos desde a perspectiva da mecánica cuántica. E como explicará Beonît Mandelbrot, na formas máis irregulares e fragmentadas do real, ou do ficticio, sempre acaba por agromar unha dimensión fractal. E así acontece en moitas pezas dramáticas aparentemente carentes dunha estrutura formal canónica.

Claro que de algo parecido xa falaba Leonardo de Pisa (1170-1240), un matemático italiano que se faría célebre, entre outras cousas, por describir a chamada "secuencia Fibonacci", que vén mostrar como na natureza hai unha sorte de orde matemática, mesmo en todos aqueles ámbitos que máis caóticos semellan. E isto aplicado á escrita dramática viría mostrar que mesmo nos textos máis anticanónicos, máis tendentes a unha forte entropía, sempre agroma unha estrutura, unha causalidade que, finalmente, acaba por ser profundamente aristotélica, pois o concepto de trama, como o concepto de drama, son indisociables dos conceptos de acción e movemento. No instante de Marinetti hai mundos inconmensurables que son eternidades. En toda obra dramática hai unha secuencia Fibonacci.

Creo que iso é ben perceptible na peza de Ana María Carreira Varela, Veos, onde o simple acto de abrir un caixón provoca que se vaian decorrendo veos e veos que agochan obxectos, persoas, vivencias, historias, universos. Claro que todo iso xa estaba no que Bill Buford denominou "realismo sucio", pero que tamén se coñece como "realismo minimalista", corrente na que militaron Richard Ford, Raymond Carver ou Tobias Wolff. Coma ela, Avelina Pérez Pérez renuncia, dunha forma máis explícita, ás metáforas, aos monólogos, para deixar que sexan as palabras emitidas e recollidas de forma case aleatoria as que mostren as posibilidades de reconstruír algún sentido, se é que alguén quere ir alén da ladaíña. E por iso, ao mellor, o seu texto se denomina Point of View, perdón, Punto de vista. Son estas ás dúas pezas que resultaron finalistas no dito certame radiofónico.

Curiosamente o premio da audiencia, foi para a peza titulada Un bo final, de Carolina Alba Castro Pérez, na que recrea unha ruptura de parella, cunha estrutura moito máis convencional, pero non por iso menos atractiva, en todos os niveis. Pois mesmo cunha estrutura convencional se pode renunciar a vellas causalidades e poñer as historias do revés, ou cando menos darlles unha reviravolta, a partir dun xogo tan simple como imaxinar ou rebobinar situacións, ata chegar a ese final desexado, que acaba por ser un comezo eterno.

A peza gañadora foi O quinto inverno, de Eva F. Ferreira, que xa desde o primeiro chanzo nos indica unha habitual mestura entre minimalismo na acción e no conflito, e unha extrema densidade de referencias culturais, musicais, filosóficas, científicas, meteorolóxicas, micolóxicas, poéticas, ambientais, loxísticas. E como elemento central a néboa na que habitan, transitan, falan ou se escoitan cinco mulleres, nun mundo cunha natureza declaradamente fractal. Secuencias de movemento, frases en secuencias, sons que van e veñen ou persisten, voces recorrentes, verbas que comezan por Ne-, discursos dispersos, múltiples queixas contra o mundo, contra todo. Unha forma de mostrar que tamén naquel cadro que Kazimir Malévich titulara Blanco sobre Blanco, habitan todas as cores. Aristóteles, for ever and ever. Anagnórise.

Escena e muller

  • O libro, editado pola Xunta de Galicia e pola Radio Galega, vén acompañado dun CD no que se recolle a radiofonía das catro pezas que a nosa radio habitualmente emite durante un tempo para que os oíntes gocen doutra forma de facer o teatro. Nesta ocasión a posta en escena sonora corre a cargo de Marta Pazos, que tamén escribe a presentación ou prólogo, e no que fai unha defensa necesaria dunha maior presenza da muller no mundo da cultura. E certamente nos últimos anos tense producido unha considerable emerxencia de mulleres con moito talento no mundo teatral, especialmente no campo da escenografía, da dirección escénica ou da dramaturxia, como vén mostran os catro textos que presentamos. E non esquezamos a interpretación, onde hai mulleres moi notables no seu desempeño profesional. Pero todo é pouco cando a demanda é xusta. Pero apostando un pouco pola perspectiva comparada, que a veces ensina máis do que parece, teño para min que o problema non é tanto de pirolas ou vulvas, canto de estrutura teatral. Cando nun país se aposta pola creación teatral propia, as oportunidades aumentan de forma exponencial, e cando se activan estruturas para potenciala coma o Royal Court de Londres, temos que na súa escena estoura a creatividade de mulleres coma Caryl Churchill, Andrea Dunbar, Sarah Daniels, Sarah Kane, Laura Wade, e moitas outras voces que se presentan nos moitos teatros residentes que hai en países coma Inglaterra ou Estados Unidos de América, un país este cunha enorme cantidade de boas autoras dramáticas xa desde mediados do século XIX. Cuestión de xénero, pero tamén de estrutura, sobre todo de estruturas. Por certo, un substantivo feminino. O último, digo.

Compartir el artículo

stats