Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O ensaio narrado

Carlos Casares, conversador

O ensaio narrado

Anteriormente neste mesmo suplemento falamos de Carlos Casares un contador de historias, unha interesante biografía sobre o protagonista das Letras Galegas 2017 realizada por Henrique Monteagudo, un texto de carácter divulgativo dirixido a un público amplo e diverso que achega nun gran resumo as liñas xerais da traxectoria vital, das realizacións e da produción literaria do autor homenaxeado.

Nesta ocasión, o profesor Monteagudo descóbrenos aquilo que o ensaio de Casares ten de narración en canto recreación da realidade e a vontade do propio escritor de ser un contador que divertise no sentido etimolóxico da palabra, isto é, que nos afastase do ordinario e coñecido. Fálanos asemade do interese que o autor espertaba como personaxe alén da súa condición de escritor, como un gran conversador tal e como lles acontecía a Cunqueiro, Dieste ou Fole. O autor de Vento ferido contaba ademais cun acervo cultural amplo, froito da súa formación, mais tamén do coñecemento directo de parte da intelectualidade europea do momento coa que entrou en contacto grazas ás súas frecuentes viaxes.

O ourensán realizou unha colectánea dos seus "ensaios narrados" ata 1998 na obra Un país de palabras (1999), mais continuou a cultivar este xénero ata a súa morte, e dese traballo é de onde xorde a obra que hoxe nos ocupa. Nela recóllense textos datados entre 1997 e a conferencia pronunciada dez días antes do seu pasamento. E ademais, uns escritos anteriores que pola súa singularidade pagaba a pena incluír. Trátase en total de dezaseis pezas que continúan e complementan a liña iniciada naqueloutro volume de 1999. Sendo todos eles interesantes, gustaríame salientar dous: dunha banda "Reflexións sobre a lingua galega, o seu pasado e o seu futuro" onde realiza unha aposta clara polo trilingüismo educativo tan polémico na actualidade e, doutra banda, "Sobre cafés e tertulias en Pontevedra" onde nos adianta a importancia que este tipo de reunións tivo na historia e máis concretamente na cidade de Pontevedra, unha forma de coñecemento e relación entre iguais que hoxe xa non existe.

O título do volume, O expreso da literatura e outros ensaios, fai referencia á primeira das pezas, un artigo inédito que recolle a crónica sentimental da viaxe que realizou en tren xunto cun cento de escritores de diferentes linguas e lugares europeos dende Lisboa a Berlín.

En canto ao traballo do editor, este tivo que levar a cabo diferentes tipos de intervención segundo os casos. Tanto no primeiro artigo coma noutros dous, limitouse á tradución dos textos do castelán. Noutros, onde xa os textos foran editados por Casares, o labor foi mínimo, cinguíndose a eliminar grallas e lapsus. Pola contra, os textos que proceden de conferencias requiriron un traballo moito maior.

Ademais do índice xeral, o volume proporciona un apartado no que se detalla a procedencia de cada un dos textos e un índice onomástico que resulta moi útil para posibles relecturas onde podemos atopar a Albert Camus, Castelao, Ánxel Fole, Torrente Ballester, Valle-Inclán ou Brice Echenique ou unha lectura fragmentaria e dirixida,

Non perdamos esta oportunidade de nos achegar ao Carlos Casares conversador a través dun xénero que define como "ensaio narrado" e onde o ourensán mestura facetas como a de ensaísta e divulgador coa de contador e conversador.

CASARES, Carlos, O expreso da literatura e outros ensaios, Ed. Galaxia, Vigo, 2017, PVP. 17, 50 ?

Compartir el artículo

stats