Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria de Peinador Vela

Nos 100 anos do pasamento do fundador do balneario de Mondariz

Fachada do Gran Hotel de Mondariz

"¡Quen nos dera en Galicia moitos Peinadores pra trocal-as nosas forzas mortas en forzas vivas!". Con estas palabras Eladio Rodríguez, autor dun dos dicionarios memorables do idioma galego e secretario da Real Academia Galega á altura de 1920, contestaba o discurso de ingreso na institución de Ramón Cabanillas. Don Eladio, que tamén fora membro fundador da Academia en 1906, recoñecía así o valor dunha familia burguesa, quizais a única de Galicia, que apoiara a causa dos galeguistas desde o seu inicio.

Da protección dos Peinador ao galeguismo cultural dá boa fe o poeta da raza nuns versos dedicados á familia natural de Pontevedra: "As augas de Mondariz / viñeron a por en craro / que son Dios e a nosa Terra / os mellores boticarios / e foi o mellor acerto / da nosa Terra e de Dios / que llas puxeran nas mans / á casa de Peinador".

Hai agora 100 anos, FARO DE VIGO daba conta na súa portada da morte do médico e empresario Enrique Peinador Vela, "una vigorosa personalidad industrial que consiguió para Galicia bienes y riquezas que saltan a la vista". Peinador Vela (Pontevedra, 1847) fundara o balneario de Mondariz no ano 1873, despois de facerse coa titularidade da Fonte da Gándara. Naquel ano as augas foron declaradas de utilidade pública polo goberno do Estado, aínda que xa eran coñecidas desde moi atrás, cando menos desde o ano 1772, tal e como proba a súa inclusión nos traballos de Gómez de Bedoya y Paredes.

Precisamente o propósito do médico e empresario pontevedrés foi, desde o comezo, a construción dun gran balneario orientado a un termalismo de elite que estivese á altura dos grandes complexos europeos de Vichy, Baden-Baden ou Karlsbad. Era un tempo no que as augas minerais eran vistas como sandadoras universais de distintas enfermidades, desde a diabetes aos problemas estomacais, de aí que a pasar a temporada estival de augas nas ribeiras do Tea acudisen centos de doentes burgueses, entre eles a escritora Emilia Pardo Bazán: "A Mondariz (?) afluyen nuestros 'ilustres enfermos', los descalabrados de las letras, de la política y del arte. Si deseáis conocer, sorprender en su vida diaria a los escritores españoles del renombre, a los políticos de talla, á Mondariz. Por allí ha desfilado en pocos años lo escogido de la inteligencia española".

En palabras da doutora Pérez Sánchez, "Mondariz identifícase co modelo cosmopolita dos balnearios europeos, mentres que, por outro lado, desprega unha clara identidade galega e incluso local". Esta clave de exaltación da cultura propia casaba moi ben coa proxección dos valores paisaxísticos e naturais de Galicia, unha demostración de autoestima moi infrecuente entre as elites sociais e económicas do noso país naquela época.

Peinador Vela converteu Mondariz nunha respectada marca comercial, como antes fixera Raimundo Ibañez con Sargadelos ou máis tarde fará o marqués de Riestra co balneario da Toxa. Ata a chegada de Peinador Vela, Mondariz era "un humilde caserío situado al pie de un llamazar de milagrosas aguas con virtudes terapéuticas a donde concurrían muy pocos enfermos (...) y hoy de aquel lugarejo solo subsisten las bellezas naturales del fondo, dentro de cuyo marco ha creado maravillas la ciencia, el arte y la industria". Estas palabras son de quen era alcalde de Mondariz en 1919, o tamén doutor Rodríguez Fornos, e foron pronunciadas con motivo da inauguración da estatua do fundador do balneario que labrou o escultor Coullaut Valera.

Grazas a Peinador Vela, a auga converteuse no auténtico leitmotiv de Mondariz, unha linfa que levou o nome de Galicia a boa parte do mundo. Para dotar de magnificencia ao establecemento que, ano tras ano, batía records de visitantes e de exportacións, Peinador encargou ao arquitecto sen título Jenaro de la Fuente Domínguez a construción do Gran Hotel, un edificio que Azorín describiu en 1905 como un "soberbio palacio versallesco" que "forma un maravilloso concierto en el blanco opaco de las paredes y destaca sobre el verde sombrío de las colinas".

Pero o engrandecemento do balneario mondarizán non pasaba só pola súa arquitectura, senón que estaba ligado á mellora das súas comunicacións. Por iso Peinador Vela ideou a construción dun tranvía que unise a vila balnearia, primeiro con Salvaterra e logo coa cidade de Vigo, unha iniciativa que andando o tempo acabaría dando nome ao seu aeroporto con ocasión da construción do apeadoiro que recibiu o nome do seu promotor.

A iniciativa empresarial reforzouse cunha imprenta onde, entre 1889-1931, se imprimiu o semanario La Temporada, no que colaboraban profesionais da medicina, da historia, da literatura ou do xornalismo. Boa parte deles escribirán tamén, entre 1915 e 1922, no seu suplemento, a revista ilustrada Mondariz, que vía luz en Madrid. A creación da banda de música da Chan da Gándara e do coro tradicional galego Agarimos da Terra tamén foron iniciativas do, en palabras de Alfredo Vicenti, "el terrible, tozudo y apasionado iniciador, condenado y avezado a luchar sin tregua".

Un yankee galaico

  • En 1899 a escritora e aristócrata Emilia Pardo Bazán, unha das aguistas habituais do balneario desde finais do século XIX, escribe unha sincera loa sobre o noso médico e empresario que sintetiza a súa valía: "Tanta riqueza, tanta vida, la ha creado principalmente un hombre de modestos recursos, que empezó sin disponer de capitales, pero que rebosaba inteligencia y energía: Enrique Peinador -de quien no escribo esto porque le profese amistad, sino a quien precisamente profeso amistad por haber hecho esto-. Si en España existiesen muchos, muchos espíritus emprendedores y dotados de la imaginación de lo real que posee Enrique Peinador, no nos veríamos hoy en el caso de envidiar las condiciones prácticas de la raza que nos ha opuesto en la garganta el pie. Enrique Peinador no es exclusivamente un industrial, aunque su empresa constituye tan lucrativa y floreciente industria [...] en este positivo negocio de las aguas de Mondariz, ve más allá del negocio: ve la prosperidad de una región; ve a los extranjeros afluyendo a Galicia, descubriendo sus bellezas, trayendo aquí progresos y bienes; ve la superioridad de España sobre Francia en cuanto estas fuentes se dejen atrás a las de Vichy, y ve el bienestar de la mejoría difundida entre los miles de personas que pagan anual tributo a las náyades de Troncoso y de la Gándara. Y porque ve todo lo que digo, Peinador ha gastado todo pródigamente. Al erigir el soberbio hotel, en muchas cosas que son puro lujo y poesía, y que tiene algo de lo excesivo que Bourget nota en la civilización de los Estados Unidos".

Compartir el artículo

stats