Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Extraterritorial poemario

Versos dun rapsoda excepcional

Extraterritorial poemario

Reedítase, na editora Barbantesa, o poemario de Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981), Bazar de traidores, que obtivo o premio Afundación do ano 2014. Pasaron os anos e as observacións que efectuamos daquela seguen hoxe plenamente vixentes. Trátase dun libro extraterritorial, quérese dicir, rompedor coas poéticas establecidas nas nosas redondezas. Este carácter libérrimo pode explicarse pola extraterritorialidade en que habita o noso autor, Islandia, ese país magmático e misterioso. Mais, sen dúbida, pode explicarse polo mero feito de ser quen é, un escritor libre que goza inmensamente da súa actividade poética que prolonga o seu ser no mundo e que nos achega os máis fondos conflitos e as máis fondas reflexións desde a ironía, a distorsión verbalizante, a hipérbole e a imaxe axustada.

Na súa obra notamos moitas veces a irrupción de versos que nos lembran o vangardismo dun Manuel-Antonio: "chegaron entón os Romanos/con beixos de acueduto". Chegando en ocasións ao desgarro interior e á denuncia cando, por exemplo, proclama no final dunha composición: "non facerse/unha máquina do turismo moral". Este magnífico aforismo demostra que non debemos sucumbir á inmoral insensibilidade que acompaña os tempos turbulentos que nos tocou vivir (avecíñanse tormentas de todo tipo, non precisamente metereolóxicas). Mais tamén o desgarro que producen as relacións amorosas, onde sempre apreciamos a dualidade do amar e do sofrer como case sinónimos ou, polo menos, intimamente coaligados: "roubamos tantos pasados/tiñamos/tan pouco entre os beizos/que a nosa delicia era/secuestrar/para seguir amando".

No amor sempre hai un alguén que nos completa e nos fascina, que nos atrae e conmociona. Por iso non estraña atopar tan fermosas palabras para definir a turbación amatoria: "o derradeiro violoncello/navega polos teus ollos". A paixón que se cría no volcán do peito do amador non pode alterar a sucesión das estacións que nos asedian: "setembro é un animal/a furia traballa/xeando o meu ventre/e vendimando a présa(...)/outubro é unha gaiola". Tampouco pode facer escampar o firmamento ou que a negrura deixe paso ao arco-da-vella: "nada poden as verbas dun amante/contra as nubes".

No plano formal descubrimos unha enorme variedade de versos libres, de enunciados truncados, de látegos verbais en forma de corpos de letra diferentes, rupturas sintácticas, exorcismos, naufraxios, pensamentos, cousas de luz que significan, fragmentos dun edén inexplorado, citas babélicas en idiomas distintos e nunca extintos. E a verdade do amor e da vehemencia deste extraordinario rapsoda (escoitalo recitando os seus poemas constitúe un verdadeiro pracer, invito o lector a facelo) chamado Elías Portela.

PORTELA, Elías, Bazar de traidores, Ed. Barbantesa, Cangas, 2016, PVP. 14 ?

Compartir el artículo

stats