Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Bella ciao, bella ciao

Partisanos contra a amnesia

Antonio Amoretti, "Tonino il biondo".

Non é por casualidade que son as terceiras xeracións dos protagonistas dunha loita singular as que procuran recuperar a memoria e mais a verdade. Os que loitaron por unha causa -con razón ou sen ela, vencidos ou vencedores-, procuraron esquecer o sucedido. A xeración seguinte, con frecuencia foi vítima desa desmemoria e non soubo transmitir aos seus fillos, aos netos dos loitadores, o que sucedera; ou se o transmitiu, foi parcialmente e con esa pouca énfase que prevén evitar ousadías ou erros pasados. E son os netos, distanciados no tempo, os que comezan a recuperar sen xenreira o que fixeron os avós.

Hoxe, cando en Europa está a regresar o revanchismo nacionalista fronte a refuxiados e inmigrantes, cómpre non perder a memoria daqueles que arriscaron a vida na loita contra os fascismos, a intolerancia, o racismo e a impunidade criminal. E con ese obxectivo, desde hai uns meses o xornal La Repubblica está a dar voz aos partisanos que aínda quedan vivos -todos eles nas portas da morte por razón da idade- antes que a súa testemuña quede perdida para sempre.

Nesa empresa contan coa estreita colaboración da Associazione Nazionale Partigiani d'Italia. Unha organización que non ten máis bandeira que a liberdade e a memoria da loita por gañala. E esta memoria tamén chega a denunciar os estragos que fóra de Italia causou o réxime fascista. Así, a sección de Prato da ANPI presentou recentemente a exposición producida polo Memorial Democràtic catalán sobre os bombardeos feitos pola aviación lexionaria italiana sobre Cataluña, durante a nosa Guerra Civil.

La Repubblica, co epígrafe "Especial Partisanos, vidas de Resistencia e liberdade", vén de facer unha chea de entrevistas a protagonistas daquel levantamento producido en Italia en 1943. Debilitado o réxime de Mussolini, as tropas alemás dominaban boa parte do país. O Comité de Liberación Nacional pasou a colaborar cos aliados unha vez desembarcaron en Sicilia e facilitou a rápida conquista do sur da península, o que levou a que o xeneral Badoglio asinase o armisticio coas tropas americanas. Daquela xa non era unha loita estritamente ideolóxica senón amplamente nacional contra os ocupantes nazis, indubidablemente crueis contra a poboación civil.

Nestas voces partisanas hai ocasión de lembrar mortos recentes, como o crego de Cuneo, don Benevelli, ou Mario Anderlini, o partisano "Franco" de Boloña. Na Liguria, este pulo da memoria levou a fundar un Museo da Resistencia na pequena vila de Carpasio. E na mesma rexión, unha empresa colectiva está a recuperar as cancións partisanas, como aquela "Fischia il vento", composta sobre a base de "Katiusha" polo comandante partisano Felice Cascione "u Megu", morto en 1944.

Ou centos de quilómetros ao sur, en Nápoles, Antonio Amoretti, alcumado "Tonino il biondo", confesa que aos dezaseis anos colleu a pistola e mais o puñal do seu pai, daquela doente, para engadirse aos partisanos. E lembra que despois do armisticio, a crueldade dos ocupantes nazis (abonda lembrar Roma, città aperta, de R. Rossellini) provocou que a adhesión á resistencia fose espontánea e masiva. E na represión dos partisanos, segue Amoretti, foi fundamental a colaboración dos francotiradores fascistas, tan crueis como os alemáns.

O presidente da ANPI, Carlo Samuraglia, declarou que cómpre derrotar os tres inimigos fundamentais da memoria, que van ben unidos: a propia febleza dos recordos nunha sociedade en rápida evolución, a tendencia a esquecer, e mais o tempo, implacable se non se lle opoñen antídotos. Memoria dos caídos e memoria dos vivos. E reconciliación, como a que tiveron, coa mediación do bispo de Vicenza, Anna Vescovi e Valentino Bartolosso "Teppa", autor da morte do seu pai, alcalde de Schio en xullo de 1945.

Incluso memoria de tantas e tantas mulleres que non participaron coas armas pero cuxo concurso loxístico foi imprescindible, desde a alimentación dos partisanos a procurar roupa de paisano aos desertores do exército.

Os nosos guerrilleiros

  • Desde o comezo da guerra civil houbo núcleos de resistencia en todas as zonas onde triunfou o alzamento de xullo de 1936. En Galicia, os escapados ao monte organizaron a Federación de Guerrillas de Galicia-León. Operou na zona de Sanabria, o Bierzo e a Maragatería, nas terras do Sil e de Becerréa, Quiroga e a Fonsagrada. Chegou a ter o seu propio boletín, El Guerrillero. Apenas comezada a guerra civil, prepararon evasións a Portugal, coa colaboración do alcalde de Pinheiro Novo (na fronteira coa Gudiña). Uns anos despois, e co eficaz concurso de Alexander Easton, un enxeñeiro británico xubilado residente en Ponferrada e que tiña cobertura diplomática, as guerrillas axudaron na fuxida a Portugal de pilotos aliados derribados. Malia ser a única formación guerrilleira organizada, eran conscientes que non tiñan máis opción que resistir. En 1944 algúns dos guerrilleiros do PCE que entraran no Arán, conseguiran escapar cara ao interior e formaron o Exército Guerrilleiro de Galicia-León, sen relación coa Federación. Cando viron que a vitoria aliada non influiría en España, a súa sorte estaba botada. Se a iso engadimos as discrepancias cos comunistas, a guerrilla galego-leonesa ficou derrotada. Uns morreron, outros pasáronse ao Exército Guerrilleiro, outros quedaron nos bosques ou fuxiron con accións individuais próximas á delincuencia común.

Compartir el artículo

stats