Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Premios e música

De estilos e de raíces

Fernando Barroso, finalista dos premios La Opinión.

Así como no eido da literatura existe desde hai anos unha consolidada tradición de premios ao longo do país, de diversos xéneros, dirixidos a diferentes colectivos e incluso con repercusión e dotación económica variadas, o certo é que na música galega non se viñan prodigando tradicionalmente este tipo de iniciativas. Habíaas de carácter local e había -e hai- concursos ligados ás veces a festivais ou asociacións onde bandas, normalmente noveis, competían para poder gañar o seu dereito a estar incluídas no cartaz do festival correspondente. Máis alá das suspicacias que algunha destas iniciativas -polas súas condicións, en certos casos draconianas- levantan ás veces entre os grupos, é innegable que cando se crean desde a honestidade son unha plataforma excelente para as bandas novas dárense a coñecer. Aínda existen no país "concursos musicais" baseados neste sistema que funcionan moi ben, como o Concurso de Bandas Rock in Río Tea -inmerso agora mesmo na súa cuarta edición- ou o Cantalingua, para o que está aberto o prazo de inscrición na edición deste ano até o vindeiro 1 de abril. O primeiro, celebrado no JJ Copas de Ponteareas pola organización do Rock in Río Tea, ten un formato peculiar e atraente, coas oito bandas seleccionadas para a fase final competindo por parellas durante catro fins de semana, para as gañadoras pasaren ás semifinais, serán o 25 de marzo e o 8 de abril, e despois as dúas vencedoras á final do 22 de abril. Moito rock, un público quente e entregado e unha deportividade absoluta entre as bandas son ingredientes que están a facer deste concurso un referente no seu xénero. O Cantalingua, ligado ao Correlingua, permítelles ás gañadoras participar nos concertos que se celebran nas vilas e cidades que acollen o Correlingua. Neste caso, a estrutura é diferente. As bandas simplemente envían un tema -orixinal e en galego- e un xurado composto por alumnado dos institutos participantes e mais a organización da carreira decide as gañadoras.

Porén, e sen lles negar a importancia e o éxito a propostas deste estilo, a música galega carecía duns premios de maior repercusión, que abranguesen todo o país e todos os estilos. Tan só os Premios Opinión da Música de Raíz -vinculados ao xornal La Opinión d´A Coruña- tiñan, e seguen a ter, esa relevancia mais, como o seu nome deixa ver, limitados ás músicas folk e tradicional. Na súa décimosexta edición volverá este ano a outorgar os premios ao mellor álbum, mellor canción e mellor artista da música de raíz galega de 2016. Entre os finalistas, que se deron a coñecer o pasado venres, encontramos nomes habituais destes premios: Talabarte, Caxade ou Fernando Barroso xunto a outros que aparecen por vez primeira en solitario, como Rosa Cedrón ou Xosé Lois Romero&Aliboria.

Con todo, non foi até o nacemento dos Premios Martín Códax da Música hai catro anos cando se encheu o baleiro case inexplicable -como di a organización- que supuña a non existencia duns premios galegos da música. E que sexa precisamente Músicos ao Vivo, asociación que agrupa os músicos galegos, quen organiza estes premios axudou sen dúbida ao grande éxito que tiveron desde o comezo estes galardóns.

Este ano, case catrocentas formacións participan nas dezaseis categorías que acollen todos os estilos musicais, do pop ao metal e do hip hop ás orquestras. E máis de 60 proxectos foron inscritos nas tres categorías dos premios Organistrum, salas, festivais e espazos de comunicación. A amplísima acollida que teñen os premios entre a grei musical galega fai deles unha instantánea inmellorable do que se fixo no último ano nese ámbito da cultura. Sen esquecer, iso si, esa porcentaxe de artistas que por convicción estética ou política recusan participar deste tipo de certames.

Variedade e calidade nos Martín Códax

  • 386 grupos, 17 salas, 24 festivais e 21 medios de comunicación inscritos, nuns premios que trascenden o meramente competitivo - de feito, non teñen dotación económica-, e procuran pór en valor un sector estratéxico e fortalecer o espírito de comunidade entre as persoas vinculadas á música no país. Máis unha vez, a categoría de rock volve ser a máis numerosa con 68 inscritos, e xunto coa categoría de pop/indie, 47 proxectos, boa mostra de cales son os estilos máis practicados. Sensación que se corrobora ao observar a terceira categoría máis numerosada, Canción de Autor con 39 inscritos, varios dos cales: Xoán Curiel, Luís Emilio Batallán, MJ Pérez,..., poderían ser encadrados perfectamente no pop. Despois veñen os 34 proxectos das Músicas do Mundo, os 28 en Folque e 25 en Jazz. Tamén as categorías de Blues/Funk/ Soul, Clásica, Electrónica e Metal andan na vintena de inscritos. Por último, Música Infantil, Hip Hop, Tradicional, Reggae/Ska/Mestizaxe, Coros/Grupos vocais e Orquestras/Grupos/Música de Verbena roldan as 10 inscricións. Probablemente algunha destas categorías, nomeadamente Tradicional e Música de Verbena, quizais tamén hip hop, sexa onde estes premios reflictan peor a riqueza e o número de formacións existentes. Porque, como Músicos ao Vivo afirma, estes 386 grupos que se poden coñecer e escoitar en www.premiosmartincodaxdamusica.com non son máis ca a punta do iceberg da inmensa riqueza da música feita en Galiza.

Compartir el artículo

stats