Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un interesante ensaio

Recuperar a acción crítica dende a lectura

Un interesante ensaio

Os libros que nos fan pensar son cada vez máis necesarios. E os libros que nos fan pensar sobre o concepto de patriarcado para desartellalo coñecendo o seu entramado son, simplemente, imprescindibles. Non só porque poidan ser obras estupendamente documentadas, senón tamén porque a involución vivida nos últimos tempos en materia de igualdade así o reclama e a lectura e o pensamento deben volver ocupar o seu papel fundamental: o de índole social, que axude ás cidadás e aos cidadáns a reformular o sistema que lles dá forma, pero ao que tamén poden dar forma elas e eles. Velaquí a relevancia da nova obra de Rebeca Baceiredo, Oiko-nomía do xénero, un intento de refugar do esencialismo, de difundir as orixes de como as mulleres nos convertimos ao longo dos séculos en mercadoría e propiedade a un tempo, pero tamén -e o que é máis importante- unha tentantiva de facer consciente ao lectorado que é posible recuperar a autonomía se coñecemos ben o marcado ideal social imperante e as súas trapelas.

Partindo da mitoloxía, é dicir, dunha poderosa explicación do mundo, Baceiredo explica dende o universo grecolatino á sociedade actual as imposicións que viviron os corpos das mulleres. Dende as leis matrimoniais en Esparta, ata ás orixes da prostitución institucionalizada, que remonta ao século VI A.C; dende a masculinización dos coñecementos e das tarefas xinecolóxicas xa na Idade Media, ata as prácticas de travestismo feminino para resistir, para ser máis libres sobre todo dende o XVIII, dende os corpos das mulleres e a súa explotación postas ao servizo dos estados en guerra no século XX ata o circuito de represión-estimulación da sexualidade na sociedade actual. Velaquí algunhas das miñas escollas para a reflexión (cadaquén pode quedar coas súas, o que sen dúbida é un dos acertos do ensaio) dun percorrido moi variado e documentado, que parte da intersección entre as teorías feministas e marxistas, mestura estruturación histórica con profundidade conceptual e non refuga da exemplificación nas artes daquilo que argumenta. Ás veces, a curiosidade que o propio texto alimenta chama por máis información -especialmente en tempos históricos que non son abordados tan profusamente como Grecia e Roma ou en conceptos particularmente complexos e poliédricos-, mais quizais haxa que entender iso como unha das virtudes deste ensaio. Querer saber máis sobre algo é a primeira ferramenta para repensar ese "algo". Estas páxinas, dende logo, estimulan a facelo á vez que evidencian que o xénero segue rexido polas leis do mercado capitalista. As mesmas leis que marcan que as supostas cidadás son, somos, dobremente escravas. Complexamente recomendale.

BACEIREDO, Rebeca, Oiko-nomía do xénero, Ed. Axúxere, Rianxo, 2016, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats