Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Manuel Budiño: "Decidín ser músico despois de ver, en Balaídos, o Rock'n Ríos"

O auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acolle o vindeiro sábado (Hora: 21.30) o primeiro dos concertos conmemorativos do vixésimo aniversario da saída ao mercado de Paralaia, o disco de estrea na traxectoria profesional do músico moañés, e toda unha referencia do folk galego contemporáneo. Co gallo da efeméride, Budiño publica tamén unha reedición do álbum, remasterizada e con libriño ilustrado incluído.

Xosé Manuel Budiño. FOTO: ELI REGUEIRA

- Ao cumprirse os vinte anos de Paralaia, cales son as sensacións que lle veñen á cabeza e, sobre todo, ao corazón,?

- Véñenme sobre todo os meus pais, que tanto me apoiaron e creron en min. Volvo a vista atrás e case sempre é cun sorriso pola sorte que tiven nesta vida. A sorte de que a música sexa o meu traballo. Hai tempo preguntábanlle ao meu querido amigo Fran Pérez "Narf", que era para el a música, e a resposta foi: "Un impulso tan irremediábel como a propia vida". Con esta xenialidade de resposta síntome totalmente identificado.

- Falemos un pouco da súa "prehistoria" musical, que comenzou en Moaña e moi vencellada ao Festival Intercéltico do Morrazo. En que momento decidiu dedicarse á música e, antes diso, a aprender a tocar a gaita?

- Pois na miña "prehistoria", como ti dis, temos que remontarnos a cando tiña sete anos e meu pai me mercou unha preciosa frauta de madeira. En pouco tempo xa tocaba no colexio, nas clases de música, as cancións dos Beatles. Pasaba os recreos tocando blues cunha guitarra cos maiores da escola e pouco a pouco deime de conta que a música formaba parte de min. Anos despois, creouse en Moaña a banda de gaitas Semente Nova e descubrín a gaita, foi un frechazo. Pero cando realmente decidín adicarme profesionalmente á musica foi no concerto Rock'nRíos en Balaídos, con Miguel Ríos, Leño e Luz Casal. Sentín nese momento que eu quería estar enriba dun escenario facendo o mesmo. Sempre levei un rockeiro dentro.

- Cales son os principais recordos que garda do seu paso por Xarabal, banda viguesa dirixida por Antón Corral?

- Parte da miña adolescencia paseina collendo o barco de Moaña a Vigo para os ensaios de Xarabal. Na Universidade Popular de Vigo atopei o mellor mestre que pode ter un músico, o gran Antón Corral. Grazas a el e á banda Xarabal, na que coñecín grandes amig@s, aprendín que esta podería ser a miña profesión. A profesionalización dun gaiteiro, iso foi o que aprendín, crer tanto no meu instrumento ata poder vivir de tocalo: todo un soño.

-O seu primero grupo foi Fol de Niu, que era unha das bandas que máis soaba no panorama folk galego de principios dos 90. Que razóns o levarons a deixar Fol de Niu e emprender unha carreira en solitario?

-Teño moi bos recordos desa miña primeira banda, Fol de Niu. Foron catro anos compartindo escenario con músicos cun inmenso talento; aprendemos a traballar en equipo e cunha idea moi clara: facer que a xente bailase nos concertos e experimentar con novas fórmulas e sons. Como acontece con moitos proxectos musicais, as sinerxias levan a cada un por camiños diferentes, e xusto no momento de tomar a idea da disolución, chamáronme do Festival de Lorient no ano 1996 para asistir alí co meu proxecto, e foi aí cando decidín preparar unha banda para tocar en Bretaña: quen me ía dicir que ese sería o xerme de Paralaia, un ano despois?

-Dentro do mundiño folk galego, existía xa unha certa expectación antes de saída de Paralaia, pero a verdade é que o disco sobrepasou tódalas expectativas e fronteiras e converteuno a Vde. nunha referencia do, daquela chamado, Novo Folk Galego. Sorprendeuse do éxito acadado polo seu primeiro disco?

- Cando proxectaba facer un traballo discográfico en solitario, pensaba en que tería que ofrecer algo novo, coas miñas composicións, fresco, atemporal e con colaboradoras especiais como Mercedes Peón, Jacky Molard, Kepa Junkera e Söig Siberil. Tiña todos os ingredientes enriba da mesa para poder cociñar un prato de calidade. Cando finalmente conseguín editalo e presentalo, a acollida da crítica e do público foi fantástica. Non che vou mentir se che digo que é o que sempre se agarda das propias creacións, pero superou amplamente as miñas espectativas.

- Bretaña e os músicos bretóns tiveron unha participación decisiva en Paralaia. Quixera que nos contara como foron aqueles encontros e que impresión lle causou a primeira vez que estivo no Festival de Lorient.

- A música bretoa enganchoume dende que viaxei ao Festival de Lorient por primeira vez coa Banda de Gaitas Semente Nova de Moaña, cando eu tiña 15 anos. Cada verán voltaba ao Festival para participar no concurso de gaiteiros solistas e foi alí onde descubrín que amigos doutros países se dedicaban profesionalmente a esta musica, xente coma os irmáns Jacky e Patrick Molard, dous dos músicos que tan ben me acolleron na súa terra. Teño na lembranza os días que pasei na casa de Jacky, en Bretaña, facendo a preprodución de Paralaia, cociñando, bebendo viño, escoitando as miñas músicas da man dos meus ídolos.

- O disco contou cunha colaboración literaria moi especial, a dun texto de Méndez Ferrín, todo un luxo...

-Si, foi todo un luxo que Xosé Luís Méndez Ferrín fixera o texto de presentación de Paralaia. Grazas a un amigo común, tivemos a ousadía de pedirllo daquela e, cando rematei de gravar o disco, foi das primeiras persoas que o escoitou para despois escribir sobre el. O texto ten tal profundidade e xenialidade que, cando voltei lelo este ano, non dubidei que tiña que estar nesta reedición do 20 Aniversario.

-En que cambiou o Budiño de Paralaia con respecto ao Budiño que, durante todos estes vinte anos, xa ten levado a música galega a medio mundo?

- "Todo flúe e nada permanece". A evolución lóxica na vida é a que mantén viva a ilusión de crear músicas, de estudar, de saborear as vivencias de tantas viaxes por medio mundo, de deixar que outras culturas e formas de ver a vida formen parte das túas vivencias, de aprender tamén a xestionar e a entender a túa carreira dentro do plano non artístico. Nestes vinte anos aprendes tamén a comunicarte co público doutro xeito. Unha das grandes leccións aprendina do meu querido amigo Carlos Blanco cando un día me dixo antes de sair á escena: Budi, agora a desfrutar!..Unha gran actitude na vida.

-Por certo que, como Vde. dicía, acaba de saír unha nova edición do álbum, e ademais con libro incluído...

-Dende hai tempo, viña rondándome a idea de facer algo especial no vinte aniversario de Paralaia, así que, como non existía nen nas tendas físicas nin dixitais, e a xente pedíame ese disco nos concertos, decidimos que fose un libro con ilustracións e co disco remasterizado cun son, se cabe, mellorado. O traballo das ilustracións correu a cargo da artista ourensá Ana Zon, á que coñezo por amigos comúns que traballan con ela no espazo de co-working "Magma Espacio". Ana entendeu mellor que ninguén o universo Paralaia e cada ilustración que fixo para o libro é como unha pequena obra de arte. Está mal que eu o diga, pero é un traballo precioso. Do traballo de remasterización de audio encargouse un dos enxeñeiros de son que máis respecto deste país, o meu enxeñeiro de directo Arturo Vaquero, que o fixo no seu estudio "Abrigueiro" en Friol (Lugo).

Compartir el artículo

stats