Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Debuxando o patrimonio

Arquitecturas para a identidade

Debuxo arquitectónico de Santiago Catalán.

O debuxo do patrimonio arquitectónico conta cunha tradición intermitente mais dunha notábel calidade no contexto galego e ten como esteo fundacional e sobranceiro a Sociedad Arqueológica de Pontevedra (1894-1937).

O debuxo arqueolóxico xoga un papel de primeira magnitude no proxecto da sociedade, mesmo podemos considerar que é a actividade que máis determina o labor artístico dos colaboradores da asociación e insírese nun proxecto rexeneracionista, de valoración e recuperación do patrimonio galego -daquela abandonado de vez-, ligado a un espírito de estimanza dos factores identitarios prenacionalista -lembremos que as Irmandades da Fala se van crear pouco tempo despois, en 1916-.

Este ambiente cómpre entendelo, pois, inserido no movemento intelectual galeguista, un fenómeno que non é produto do azar nin do encontro casual de sensibilidades afíns e espalladas, senón que é consecuencia, moi meditada, dun proceso ideolóxico e político, que levará ao nacionalismo político moderno.

Moitos intelectuais e artistas souberon captar a profunda identidade cultural dun pobo, descuberto e enxergado con ollos novos polos distintos creadores, neste caso concreto cunha vontade de recuperación do pasado entendido como un valor de presente e de futuro.

Escritores, pintores e investigadores fixan a súa atención en cousas ben comúns, como os monumentos e mesmo en aspectos do mundo cotián que son como unha revelación, esa "solprendente descoberta de Galiza" que explicaba brillantemente Vicente Risco no seu ensaio "Nós, os inadaptados". Unha revelación que é común á intelectualidade galega anterior á Guerra Civil e que se explica porque a nosa tradición cultural, en certo senso, era "exótica" para os propios escritores e artistas galegos. É o estrañamento, a distancia, o que posibilita a procura deste referente que se intenta plasmar por medio dunha ollada máis profunda.

O proxecto da Sociedad Arqueológica de Pontevedra é un esteo fundamental neste proceso activo e reflexivo, e nel participan un conxunto sobranceiro de artistas. Colaboraron con esta iniciativa, deixando un vizoso mostrario da riqueza patrimonial galega, entre outros: Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Carlos Sobrino Buhígas, Celso García de la Riega, Enrique Mayer, Agustín Portela, Luís Pintos Fonseca, Alfredo Souto, Luís Sobrino Rivas, Manuel Hermida, Federico Alcoverro, Carmen Bibiano Méndez-Nuñez ou Enrique Campo Sobrino.

Os motivos captados: igrexas, esculturas, pazos, brasóns, petróglifos... fálannos das preferencias vitais e estéticas desta altura e ofrecen unha diversidade de preocupacións que son espello do mundo cultural da Pontevedra dos anos finais do XIX e comezos do XX.

Este tipo de debuxo parte dunha sensibilidade estética que se foi definindo en Galiza ao longo da segunda metade do XIX.

Entre os debuxantes desta altura cómpre salientar a Enrique Campo Sobrino (Pontevedra, 1890-1911) como, con certeza, o mellor debuxante que traballou para a Sociedad Arqueológica. O artista deixou na súa brevísima vida unha notábel obra, fundamentalmente debuxística, realizada entre os anos 1906 e 1911, mergullado nun teimudo labor de documentación do patrimonio arquitectónico e artístico do país.

Enrique Campo utiliza os motivos monumentais para algo máis que a simple documentación, son pezas de alto valor estético porque o debuxo arqueolóxico acaba por ser tamén unha fórmula para captar -usando a linguaxe da época- "a esencia da Terra", de xeito semellante ao que acontece co paisaxismo desta altura e en paralelo ao que se realiza na literatura galega.

Como outros artistas da súa xeración, velaí o caso de Camilo Díaz Baliño, Carlos Sobrino ou Castelao, usa os temas arqueolóxicos como un dos alicerces do mundo referencial galego porque se entende que a arte galega debe ficar achegada á historia, á natureza, á paisaxe, aos costumes e mais ao folclore, unha tendencia que adquiriría a súa plenitude nos anos vinte coa Xeración Nós.

Unha nova achega

  • A tradición do debuxo arqueolóxico non é para nada allea ao noso presente e ten cultivadores como Alfredo Erias Martínez, director do Museo das Mariñas de Betanzos e da revista Anuario Brigantino ou Héitor Picallo, tamén investigador e debuxante, ambos notabilísimos herdeiros da tradición histórica do debuxo arqueolóxico..A estes exemplo podemos acrecentar o traballo de Santiago Catalán, que vén de publicar en Edicións Xerais nun volume intitulado Arquitecturas debuxadas, Lugo onde se fai un percurso polo patrimonio construído na cidade de Lugo, desde a muralla romana até a arquitectura racionalista.O autor, arquitecto de profesión, ofrece neste libro un itinerario visual inédito sobre a cidade de Lugo. Arquitecturas debuxadas polo autor con asombrosa fidelidade a algúns dos espazos e das edificacións emblemáticas da cidade bimilenaria, como a catedral, a casa do Concello, a praza do campo e a muralla. Unha obra que, ademais, homenaxea a Juan Álvarez de Mendoza, Luis Bellido, Nemesio Cobreros, Eloy Maquieira ou Alfredo Vila, arquitectos que deseñaron a cidade e renovaron o seu urbanismo no último século.

Compartir el artículo

stats