Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Como cadros de épica

Albergando optimismo

Como cadros de épica

É esta unha historia de voltas e reviravoltas que ten a protagonista Sally Jones en continuo movemento.

Entre o mito e o suceso verídico sitúase o relato duns feitos reais e medio fabulosos que sorprenden pola fasquía dos acontecementos e pola singularidade da súa presentación. Que nunha cazaría furtiva na xungla capturen varios exemplares para ser vendidos na cidade, que un comerciante de marfil turco merque a cría de gorila e que a leve a Europa de contrabando nun vapor de pasaxeiros non resulta nada estraño. Agora ben, que a primate se convirta nunha experta ladroa de xoias, que fantasíe con fuxir do zoolóxico para viaxar á xungla de Baba ou que aprenda a ler xa é menos crible e aínda así o percorrido que Sally Jones realiza practicamente por todos os continentes adquire uns tintes aventurescos que fan moi atractiva a narración.

As historias que teñen animais como protagonistas posúen un valor engadido cando, mesturando o seu proceder co dos humanos, se presenta a posibilidade de relacionar comportamentos máis ca reprobables levados a cabo sempre por persoas e non por animais. Así, sobre a maldade dos homes superponse a amizade, a esperanza e a lealdade dos animais o que se convirte nunha auténtica lección de vida.

Jakob Wegelius manexa con mestría os momentos narrativos máis interesantes para a historia, combinando moi ben a acción e o silencio para que o lector saiba en cada momento a situación concreta na que se atopan os personaxes , non só dende a perspectiva física senón tamén da emocional. Respecta o plantexamento da protagonista, dálle a palabra para que xestione o conflito principal que a ocupa en cada situación e silénciaa cando considera que o lector pode implementar o texto e, ás veces, para amortecer a dureza dos acontecementos. Ao mesmo tempo na historia e nas ilustracións subxace mesmo un humor fino que fai que a narración, dura e cruel por veces, albergue optimismo.

As páxinas concibidas polo propio autor dende o punto de vista plástico como cadros de época achegan o libro á novela gráfica, feito que posibilita unha lectura das imaxes que, discorrendo paralelas ao texto, confírenlle á historia un significado que trascende o espazo do posible conflito e se instala no da interpretación crítica do lector.

WEGELIUS, Jakob, A lenda de Sally Jones. Ed. Sushi books,Cangas.2016, PVP. 16 ?

Compartir el artículo

stats