Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Milagres no cume

O Santuario da Virxe da Xestosa (Covelo)

Sepulcro antropomorfo.

Na parroquia de San Salvador de Prado, en Covelo, atópase o santuario máis elevado da provincia de Pontevedra, perfilado pola impoñente paisaxe da Serra do Suído. O patrimonio secular que alberga esta serra é tan inmenso como os seus montes e ladeiras, onde se alza unha igrexa de tan profunda devoción popular como a da nosa Señora da Xestosa, a máis de 1.100 metros e moi preto das cimas do Faro de Avión, facendo límite coa provincia de Ourense. Ao seu máxico emprazamento suma o poder curativo atribuído tanto á auga almacenada na tumba precristiá da contorna como á fonte sanadora que abrolla un pouco máis abaixo.

A romaría da Xestosa celébrase en San Salvador de Prado o segundo domingo de maio e o último de agosto. Segundo a tradición, o día da peregrinaxe os devotos que metan as súas mans na auga do sartego, cúranse. Esta crenza está fundamentada na consideración popular de que a tumba pertenceu a un santo e que a auga procede do nacemento do río Tea. Só a vista que ofrece o enclave xa xustifica a subida e máis aínda ao existir a capela realizada totalmente en pedra e rodeada de cruces que santifican un lugar único.

Na cima divísanse varios puntos de Covelo e as numerosas abas que esvaran cara ao val regado polo río Tea e o Tielas. Ao templo accédese tanto por estrada como pola antiga pista de terra. A capela foi construída en dúas fases polos veciños de Prado, e a derradeira pedra colocouse en 1817. O lugar conta cunha longa tradición milagreira. Moitos son os que din que cura as verrugas, afeccións de pel e outras doenzas do corpo. Os fregueses mollan un anaco de pan -que levan expresamente para este ritual- na auga do sartego e logo aplícano sobre a parte do corpo que desexan curar.

A idea popular é que a tumba pertenceu a un santo e que a auga do seu interior -o sepulcro sempre está cheo de auga, mesmo nos veráns de calor extrema- é do Tea. Outros cren que no lugar se apareceu a Virxe. O historiador Maximino Fernández Sendín, que estudou en profundidade a zona e publicou os resultados da súa investigación na obra O enigmático sepulcro do Santuario da Virxe da Xestosa, di: "A orixe desta capela está probablemente nun eremitorio cuxa antigüidade se perde na noite dos tempos e que pode remontarse aos primeiros séculos do cristianismo ou á Idade Media, segundo se desprende do documento rescatado do Arquivo Diocesano de Tui. Aínda que no limiar da construción hai unha inscrición que di: "Ano 1817 +", non cabe dúbida de que esta data se refire á ampliación que se realizou nesa altura (1817) pero o culto é moito máis antigo, como o testemuña o documento de 1752 do referido Arquivo Diocesano de Tui, onde di estar consagrado Á nosa Sra. do Monte Faro vulgarmente Giestosa, e que no sepulcro segundo a tradición pode estar enterrada Santa Quiteria ou a primeira abadesa do convento de Melón, Santa Faia, e que o sepulcro é de "esta Santa Virxe ou dunha compañeira súa". O documento rescatado por Fernández Sendín contribúe á historia e lenda deste venerado santuario, que conta con numerosas sanacións e milagres a xulgar polos relatos de romeiros e veciños do lugar.

Respecto da tumba próxima á igrexa, explica o investigador: "Case pegado á capela (a uns 2 metros) na parte NE, atópase unha gran laxa natural na que esta escavado un sepulcro antropomorfo cuxas medidas son: 1,84 m de lonxitude por 0,56 de anchura máxima e 0,22 de profundidade. Medidas que permiten aloxar o corpo tanto dun home como de muller, aínda que as características inducen a pensar que pode ser máis ben muller, xa as partes máis estreitas se atopan no fondo e acomódanse máis a un corpo feminino. O oco da cabeza atópase orientado cara ao poñente, como adoitaban facelo xa os nosos antepasados prehistóricos. Aínda se pode apreciar as marcas da lauda sepulcral xa desaparecida".

Devotos de toda Galicia

  • Desde Melón, Carballeda de Avia, Ribadavia e moitos outros puntos achéganse numerosos devotos, tanto á romaría de maio como á que se celebra en agosto, aínda máis multitudinaria, onde o río Tea comeza a súa peregrinaxe na contorna incomparable do marco da Xestosa. A imaxe da Virxe desfila en procesión desde a igrexa parroquial de Prado nunha caravana adornada con flores naturais da Serra do Suido. No lugar coñecido como Fonte Ronda, próximo á capela, atópase coa imaxe da Virxe gardada todo o ano no eremitorio do cume. Despois hai misas e procesión.O santuario está rodeado por un muro de pedra de trazado cuadrangular. No centro está a capela, cuberta por unha bóveda semicircular sostida por tres arcos que descansan nas súas respectivas pilastras que se atopan encostadas ao muro. "Á entrada do recinto -escribe Fernández Sendín- e a uns setenta metros do santuario atópase un gran peñasco granítico sobre o que se elevan dúas cruces de pedra; unha de factura recente e a outra denota antigüidade pola erosión que se aprecia. Na parte de abaixo e próximo a este penedo hai un manancial que esta adecuado como fonte". De auga pura e cristalina, din que tamén posúe virtudes sanadoras. Uns cren que a fonte que brota baixo un piñeiro é o auténtico manancial da Xestosa, aínda que non hai cartel que leve ata el.

Compartir el artículo

stats