Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lixeireza e estilización

Silverio Rivas na Fundación Laxeiro

O sentimento rítmico de pequena escala, protagonista da exposición de Rivas. // FOTOs: jose lores

A Fundación Laxeiro presenta até o 20 de novembro unha mostra de obras de pequeno formato do escultor Silverio Rivas (1942), un dos nomes imprescindíbeis da escultura galega contemporánea.

A presente exposición, intitulada Mutación inducida, xira ao redor de conceptos como o efémero, a transformación, a materialidade e a lixeireza. Diante das obras de Silverio Rivas colocámonos como espectadores perante "obxectos", na acepción máis física do termo, percibindo a identidade, a lixeireza ou a textura dos diferentes materiais, sentindo a súa presenza como algo tanxíbel. A obra de Rivas sitúase, neste sentido, na cerna do debate escultórico contemporáneo. O escultor elabora as súas pezas de xeito enormemente suxestivo, en que o casual adquire un papel relevante. O que amosa e o que singulariza as súas obras é a dialéctica espazo-forma. Todas as súas creacións nacen como construcións plásticas e ao tempo tamén poéticas, adoptando o espazo como elemento estrutural, procurando o mínimo común múltiplo da linguaxe artística, xogando a modular liña e baleiro, fondo e forma, espazo e tempo. Estamos, xa que logo, perante un tipo arte que parte da idea da deconstrución da realidade e que consegue propiciar a reflexión sobre aspectos chave do sentido estético, fundamentalmente a relación entre pensamento e emoción.

Situada neste contexto referencial, a obra do escultor galego continúa o seu proceso tendente a reducir as formas ao seu carácter máis esencial, cun sintetismo e unha vontade de esencialismo formal que neste tipo de traballos está ao servizo dunha visión, dunha concepción artística, en que domina o xogo e a sutileza na percepción da realción da materia e o espazo. Este aspecto é moi evidente nas pezas expostas na Fundación Laxeiro, que reforzan o sentido de presenza efémera, a levidade e a marca da temporalidade. No conxunto de traballos presentados arestora salienta, por unha banda, o sentido rítmico esencial da pequena escala, auténtico protagonista da mostra, e, nun segundo grupo de obras, a aposta pola bidimensionalidade: varias series formadas por obras de parede, que son o resultado das paseatas do artista polos arredores do seu obradoiro en Tui. Trátase de obxectos atopados, envases de refrescos esmagados polas rodas de coches, tractores e camións, que Silverio Rivas rescata dos camiños de terra e das pistas, reunidos de forma paciente, deixándoos envellecer no seu abandono, ao ritmo da intemperie. Constitúen un conxunto de obras que dialoga coas pezas tridimensionais, nunha especie de variacións modulares nas que pervive a presenza do escultórico.

En tempos como os actuais de hipercomunicación, en que obxecto aparece moitas veces como límite a superar, en moitos artistas con características formais vinculadas ao exceso, non porque haxa máis obxectos, senón porque se multiplican visualmente a través do medios, Silverio Rivas opta na súa obra por unha actitude contraria, fortemente contida, modulando, valorando a presenza e textura do material, a lixeireza e o equilibrio.

Nesta sociedade da imaxe, en que o obxecto aparece constantemente banalizado, convertido en simple produto de consumo, a arte pode contribuír a ollar doutro xeito a realidade, a reforzar os significantes que alimentan a orde simbólica, e así favorecer que a nosa percepción sexa máis libre e rica. Inserida neste contexto, a obra do noso escultor chega a este punto por un proceso depurativo. O artista móvese con comodidade neste terreo, ten, pois, nunha concepción solidamente asentada que se basea nunha idea inicial, nunha suxestión rigorosamente traballada, que parte dun profundo respecto polo que é o traballo construtivo e que é consciente da dificultade formal na que se move.

Título: Mutación inducida

Autor: Silverio Rivas.

Comisario: Javier Pérez Buján. Local: Fundación Laxeiro, Vigo. Até o 20 de novembro.

Esculturas de pequeno formato

  • As pezas de Silverio Rivas funcionan moi ben en moi diferentes formatos, que van desde o máis pequeno, como o agora presentado, até o espazo público. O microespazo é un territorio que se ben foi tradicional para os escultores desde a mesma orixe da arte -como bosquexo frecuentemente- é tamén moi difícil e esixente. A combinación de lóxica construtiva e unha atinada organización espacial é a chave do éxito neste ámbito tan complexo e sutil. No seu caso, o éxito aséntase nun notábel dominio da escala, mais tamén na posibilidade de reformulación, de revisión, de intensa flexibilidade, con que trata o material e desenvolve os distintos traballos, que acaban por destacar pola súa simplicidade e estilización, lonxe de calquera retórica, posibilitando no espectador novas lecturas desde a sutileza, alleo a estratexias artísticas que utilizan a espectacularización do obxecto como alicerce do discurso estético. Toda unha riqueza de matices e unha vizosa complexidade que a nova mostra de Silverio Rivas nos permite enxergar.

Compartir el artículo

stats