Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

América, América

Crónica do encubrimento (I)

O ensaísta arxentino Enrique Dussel.

O 12 de outubro de 1492 as naves capitaneadas por Colón, que partiran de Puerto de Palos, no Atlántico andaluz, cara ás Indias, avistaron por primeira vez terra firme. Hoxe sabemos que a tripulación colombina chegou á illa de Guanahani, á que lle puxeron o nome de San Salvador; tamén sabemos que dende esa illa, situada ao oeste do mar dos Sargazos, e xa que logo nalgún lugar aínda sen identificar con exactitude á altura do actual arquipélago das Bahamas, Colón continuou a súa viaxe de exploración e, o 28 de outubro, desembarcou na illa de Cuba, á que se lle puxo o nome de Joana, e uns días máis tarde, o 6 de decembro, á illa que chamaron A Española (actual Santo Domingo), onde o 25 de decembro fundaron o asentamento de Forte Natividade.

Colón, segundo as súas observacións, análises e descricións afirma ter chegado á Asia ea súa 'obsesión', nas tres viaxes posteriores, vai ser situar con certeza as terras que el estaba a explorar en relación con Cipango, China e India: os territorios aos que pretendía chegar e que, á altura dese momento histórico, para dúas potencias emerxentes como Portugal e Castela eran o obxectivo estratéxico principal; obxectivo logrado por Portugal cando Vasco de Gama chega á India en 1498. Dende ese momento o control do comercio das especias e outros produtos de Oriente quedou en mans dos portugueses.

Ao mesmo, logo da viaxe inaugural de Colón, a partir de 1493 se autorizan novas viaxes portuguesas e castelás cara ás Indias seguindo a ruta occidental; nunha destas viaxes, capitaneada por Pedro Álvares Cabral, explórase o Brasil en 1500. Froito deses novos coñecementos xeográficos, o cosmógrafo florentino Amerigo Vespucci publica Mundus Novus (1503) e Carta a Soderini (1505), nos que se afirma o carácter de 'novo mundo' para as terras que se estaban a atopar na ruta occidental cara as Indias. Con eses traballos, que son incorporados polo cartógrafo alemán Martin Waldseemüller ao seu planisferio Universalis Cosmographia (1507), dáse carta de natureza ao descubrimento dun novo mundo, que pasará a ser coñecido co nome de América. Este feito, a existencia de catro continentes e, xa que logo, o descubrimento dun novo mundo, verase definitivamente confirmado en 1522, cando Juan Sebastián Elcano, chegou a Sevilla logo de dar a volta ao planeta, confirmando a existencia dun amplo océano entre o novo continente e Asia.

Ora ben, a que nos referimos cando falamos de descubrimento de América? Ninguén dubida, e os exploradores que se toparon con indíxenas foron os primeiros en non dubidalo, que América xa estaba descuberta: a poboación amerindia é a proba máis evidente dese feito; así mesmo, outros descubridores de América anteriores aos casteláns e aos portugueses foron os inuits, os viquingos e, segundo algunhas investigacións recentes, os polinesios e os chineses -por non mencionar aos propios portugueses, que posiblemente coñecían a existencia de terras alén de Islandia e das Açores-. Daquela, que é o que hai de diferente coa descuberta de Colón - Vespucci?

Colón, aínda que non fose consciente diso, ao descubrir América para os europeos en 1492, nun momento histórico moi diferente aos contactos anteriores e doutros pobos, fixo posible a condición necesaria para o desenvolvemento europeo, en tanto que permitiu: primeiro, a expansión territorial europea fóra dos límites históricos impostos pola posición periférica nun sistema mundo controlado polo Islam; segundo, a construción do eurocentrismo, baseado no proceso de ocultación e destrución do mundo amerindio; e, terceiro, a usurpación dos recursos naturais e humanos deses novos territorios. Tres condicións que só foron posibles a través da conquista e colonización de América.

Dussel e o mito da Modernidade

  • Ao longo dos últimas décadas, sobre todo despois de 1992, o tradicional discurso do descubrimento de América comezou a ser substituído por outro aparentemente máis cordial, cobrando cada vez máis forza a idea de 'encontro de dous mundos'.Non obstante, como sinala o filósofo arxentino Enrique Dussel no libro 1492. O encubrimento do Outro: a orixe do mito da Modernidade (Encrucillada, 1992), o tal encontro, se tivo lugar nalgún momento, non foi posible, xa que a lóxica europea precisaba dun novo mito fundador da súa Modernidade, polo que o resultado dese suposto encontro foi un choque frontal que rematou coa ocultación, negación e exterminio de todo un mundo diferente: o mundo amerindio.É, daquela, con ese sentido que Dussel fala de encubrimento do Outro, un proceso no que identifica catro fases: primeira, a invención do ser asiático das novas terras; segunda, o descubrimento, mecanismo que converte a unhas terras con poboadores orixinarias no Novo Mundo dos europeos; e, terceira e cuarta, a conquista e a colonización, que culmina a negación do Outro mediante o exterminio cultural e, moitas veces, físico.Nese novo contexto histórico, en que se está comezando a construír un novo sistema-mundo europeo, América -e despois África e Asia- vese forzada a ocupar unha posición periférica.

Compartir el artículo

stats