Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un século de radio

Polo Núcleo Museolóxico de Valença

Radio norteamericana dos anos 30 do pasado século.

Os coleccionistas son preservadores da memoria colectiva, rescatadores de pequenos tesouros que achegan anacos de historia ás xeracións vindeiras. Foi o caso de Sansão Vaz, coñecido como Savá, un veciño da fronteiriza Valença que durante décadas conseguiu reunir un dos mellores repertorios de radios antigas de toda a península, non só pola cantidade de aparellos -máis de 500- senón porque ademais todos e cada un deles funcionan á perfección. A radio acompañou a Savá desde sempre. Os exemplares chegaban ás súas mans a través de particulares que se desprendían dos mesmos porque xa non funcionaban, ademais de visitar innumerables tendas, feiras e anticuarios na súa procura. Deste xeito, fixo da súa casa un auténtico museo doméstico; agora parte desa gran colección pode verse no Núcleo Museolóxico de Valença ata o 26 de novembro baixo o título "Radiofonía: A paixão do valenciano Sansão Vaz".

Durante a súa longa existencia, Sansão Vaz mantivo o seu entusiasmo intacto. Os exemplares máis valiosos son os dos anos 20 e 30, pero a colección conta tamén con aparellos dos 60 e principios dos 70, "aínda que nesa época xa eran de plástico", comentaba hai un tempo, antes de falecer case nonaxenario. Entre as pezas hai igualmente tocadiscos e gravadores de distintas décadas. Varias das súas radios "proveñen de Alemaña" -mesmo algunha hai que ten a cruz gamada-, aínda que na súa extensa recompilación tamén hai aparellos de Arxentina, Países Baixos, Gran Bretaña, Italia, Suecia, Francia, Dinamarca, Brasil, Xapón, Suíza, España, Canadá e China.

O Núcleo Museolóxico de Valença retrocedeu máis de oitenta anos no tempo para ofrecer, entón, unha viaxe polo mundo máxico da radio. A exposición reúne 41 das pezas da gran colección que mergulla o visitante no imaxinario daquelas caixas con botóns cromados e historias de vellos fonógrafos das que saían voces. Os nostálxicos e mais os que non o son tanto descobren aparellos tipo "cofre", "capela" ou "catedral", así chamados porque a rella do altofalante semelláballe ás vidreiras das igrexas. De todas as formas e tamaños, tamén hai radios portátiles que percorren o século pasado. De Canadá a Estados Unidos, de Xapón a Brasil, de case toda Europa e moitos outros lugares, é posible atopar aparellos que conseguiron comunicar o mundo en linguas e sitios dispares.

Trátase dunha exposición evocadora, con pezas hoxe pertencentes aos descendentes de Sansão Vaz, posuidores dunha extraordinaraia compilación que, no seu conxunto, suma máis de medio millar de aparellos, entre receptores, transmisores, emisores de guerra e mecanismos de gravación. Cada un dos exemplares ten a súa propia traxectoria vital. Os de galena eran os máis simples: de feito, podían escoitarse con auriculares e recibían as emisoras que non distaban máis dunha vintena de quilómetros do seu campo de acción. Os de lámpadas podían oírse mediante altofalantes con forma de trompeta que amplificaba o son.

A colección do inesquecible Savá inclúe radios de baquelita como as que utilizaban os nazis, construídas exclusivamente para Alemaña e coa cruz gamada en diversas partes do aparello, o emblema podía estar tanto na caixa exterior como no transformador. Na exposición do Núcleo Museolóxico están presentes tres destes exemplares, chamados Radio Mordaza por emitir soamente en zonas restrinxidas deste país.

Esta antoloxía da radio percorre case un século de historia. Na mostra poden verse aparellos que van desde 1928 ata finais da década dos 60, con marcas como Phillips, RCA, His Master's Voice, Marconi, Telefunken, Siemens, Roberts Radio, Ultra ou Viking, entre outras.

Coleccionismo entusiasta

  • Portugal conta cun gran patrimonio radiofónico, parte do mesmo constituído por coleccións de particulares entusiastas que ao longo de décadas conservaron unha infinidade de aparellos receptores e outro tipo de material asociado á telefonía. En Vila Meã está localizada unha extensa mostra de receptores sen fíos, impulsada por Victor Queirós, un empresario téxtil ao que sempre lle gustou a electrónica. Son máis de dous mil aparellos, o máis antigo datado en 1912. Existen outras recompilacións de relevo, como a de Manuel Silva (Vagos) ou a de António Augusto da Costa (Vila Nova de Tazém), ademais doutras moitas de norte a sur do país. Ademais en Portugal perviven auténticas rarezas imposibles de atopar noutros lugares, pois en España e en Europa, coa Guerra Civil por unha banda e a Segunda Guerra Mundial por outra, destruíronse miles de aparellos durante os conflitos, algo que non sucedeu na patria de Camões.Durante a súa longa vida, Sansão Vaz foi recollendo, cambiando e comprando radios antigas, moitas a primeira vista imposibles de recuperar, pero o seu coñecemento e dedicación posibilitaron que, a pesar dos moitos anos dos aparellos, todos estivesen en perfecto funcionamento. A profesión de electricista serviulle para que tivesen arranxo. Porque a súa paixón non se limitaba á mera adquisición, senón ó disfrute e entretemento da súa reparación e posta a punto.

Compartir el artículo

stats