Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Los suplementos de FARO

Vén Capitán Trueno

No adeus a Víctor Mora

Víctor Mora (1931-2016), creador do Capitán Trueno.

Un dos elementos indispensables da infancia e mais da adolescencia, esas idades de medrar forzoso, son os heroes ou as heroínas: uns modelos de conduta -alienada ou non- que axudan a formar a propia personalidade e, de paso, nos permiten imaxinar historias que non acontecen na vida real, unha vida que non sempre é doada nese paso de dúbidas.

Para aqueles que medramos nos anos do franquismo, poucos eran os heroes de cómic que tiñamos ao noso alcance. Difíciles de acadar os estranxeiros de tapa dura (Tintín, Astérix e Obélix) por raros e caros, os mexicanos de Novaro (Superman, Capitán Marvel ou Batman, ou aquelas Vidas ejemplares) supliron as limitacións editoriais españolas para editar os superheroes americanos. E aínda así, moitas veces non tiñamos máis alternativas que conformarnos coas fazañas de factura nacional.

Superados, por relambidos, Roberto Alcázar y Pedrín (malia que o seu principal guionista fose un militar republicano depurado), para moitos rapaces dos anos 60 o Capitán Trueno viña encher un baleiro na nosa teima de aventuras. O seu pai foi Víctor Mora, escritor, tradutor e guionista recentemente desaparecido. Exiliado en Francia coa súa familia despois da guerra, o seu pai -militante do PSUC- morreu nun campo de refuxiados francés, circunstancia que forzou á súa nai a regresar a Barcelona.

Ben mozo comezou a traballar ata entrar na editorial Bruguera en 1948, onde asumiu o guión de diversas series de cómic. En 1956, e influído pola estética das historias do Príncipe Valente, encetou as aventuras dun cabaleiro medieval, o Capitán Trueno; nos debuxos acompañouno nos primeiros anos o valenciano Miguel Ambrosio Zaragoza, "Ambros". O Capitán Trueno era un antigo cruzado xenericamente español (pero no seu peito levaba un escudo que lembraba vagamente as armas catalano-aragonesas). Tal identidade e mais o seu berro de ataque "Santiago y cierra España" non eran senón estratexias para vencer os atrancos da censura.

O Capitán Trueno viña disputarlle o terreo ao Guerreiro do Antifaz (de matriz valenciana, como Roberto Alcázar y Pedrín), un heroe máis hispánico e hispanista, sempre a liortas contra "a mourisma", moi do gusto do ideario imperante durante o franquismo. E se alguén pasou a representar a modernidade, ese foi o Capitán Trueno. Polo menos para importantes sectores da mocidade urbana.

Deseñado cunha resolución gráfica de moita calidade (que non sempre tivo continuidade cos sucesores de Ambrós a partir de 1960), o Capitán Trueno representaba, coma ningún outro heroe do seu tempo, os valores da xustiza a prol dos máis febles e algunha insinuación a prol dunha monarquía non absolutista de todo (non se podía pedir máis a un reino escandinavo medieval). E co rigor nos guións, con aquel heroe aprendíamos xeografía grazas aos escenarios das súas aventuras.

Ademais, tiña unha dimensión cosmopolita grazas á súa rapaza, a princesa Sigrid de Thule: unha novia fixa-discontinua, co cal obviaba a suposición dunha vida en común, que chegou a ser raíña do seu país sen tutela masculina. E con eles, un contrapunto de humor cos seus amigos e compañeiros Goliath (e o seu "gran batracio verde") e Crispín. Como dicía o seu guionista, fronte ao heroe solitario, un heroe solidario.

Víctor Mora, militante comunista como o seu pai, recoñeceu que veu no Capitán Trueno un paladín dos dereitos humanos, sempre obviamente das limitacións que impuña a censura, coa que tivo que lidar en diversas ocasións. Entre 1963 e 1968 Mora tivo que marchar a Francia, exiliado, a pesar do cal as aventuras do noso heroe continuaron da súa man, pero a partir de 1968 xa non tiña o mesmo pulo dos comezos. Chegaron as reimpresións e os intentos de relanzamento, mais o público xuvenil xa era outro e tiña outras preferencias.

Compartir el artículo

stats