Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Seis anos na beira do río

Diálogos coa pintura en Pontevedra

Arte figurativa presente no evento.

Na beira do río. Diálogos na pintura leva xa seis edicións de andaina en Pontevedra e segue sendo fiel a unhas marcas moi específicas que agroman decontado no seu propio título, moi concreto de seu.

Por unha banda, trátase sempre de reivindicar os artistas que viven nas beiras do río Lérez, ou sexa na área metropolitana de Pontevedra. Fronte a eses importantes polos creativos que son Vigo, Santiago e mais A Coruña, o curador reivindica a pequena capital provincial como relevante obradoiro de produción artística. Cómpre, pois, fachendear de xeito lexítimo daqueles creadores que traballan na bisbarra, sen ser por iso necesariamente artistas "locais" co significado pexorativo que ás veces ese termo implica. Ademais, para pechar o círculo xeográfico, expoñen no Pazo da Cultura de Pontevedra, un espazo que, efectivamente, bordea tamén o Lérez.

En segundo lugar, o proxecto expositivo vehicúlase como unha conversa a dous. Os tándems plásticos compóñens con dous membros de xeracións bastante distantes entre si. Iso é algo que sempre encomiei deste ciclo: abranguer novos e vellos, coñecidos e descoñecidos. Por vecees, o curador descobre nomes case ignotos, ou marxinais, ou menores que se afastan do hit parade. Ocorre tal cunha das artistas desta edición: Yolanda Dorda, pero aconteceu xa o pasado ano con Juan Moreno Badía, ou anteriormente con Eduardo Dios. Estes dous últimos semellan mesmo fronteirizos entre o pintor domingueiro e o afeccinoado, pero o caso é que ambos son posuidores dunha longa carreira; nomes que se combínan con outras autorías de percorrido entre escaso e limitado como Teresa Brutcher, Pancho Rodiño, Dolores Gálvez, Belén Padrón, Ana Seoane? Aínda que hai tamén carreiras algo máis amplas como as de Manolo Dimas, Juan Rivas, Itziar Ezquieta ou Rosa Úbeda. Con todo, é fácil ver como nin son os de máis sona nin os máis celebrados polo sistema, o cal antes que un demérito é unha beizón ao furgar máis aló das capas superficiais do milieu artístico. Ocorreume ás veces que mesmo me interesaron máis eses descubrimentos que as súas "parellas de baile." Persoalmente, adorei a obra de Teresa Brutcher, recoñecendo que seu tándem, Ana Seoane, fixera un moi bo proxecto. Máis claro o tiña aínda co vello Eduardo Dios que ofrecía moito máis febra que o novo Pancho Rodiño. Noutros casos era ao revés, o sobresaínte traballo de arquitecturas ciscadas na paisaxe de Juan Rivas enseñoreábase indefectiblemente da sala e daquela as benintencionadas paisaxes de Juan Moreno Badía ficaban literalmente diluídas perante a precisa pincelada de Rivas. Este ano pásame que, se ben recoñezo a notable traxectoria e o rigoroso percorrido dunha ben coñecida Rosa Úbeda, non podo por menos que encomiar ese trazo simple, rotundo e expresivo dunha descoñecida Yolanda Dorda. As súas pinceladas-brochazos arman axiña corpos, rostros, paixóns... cunha enerxía que parecera que a pintura aínda estivese supurando.

E en terceiro lugar agorma neste programa expositivo, iniciado en 2011, a pintura como santo e sinal a reivindicar dende a arte contemporánea. Lévase moito tempo falando da morte da pintura pero Ramón Rozas esfórzase en cada nova edición en mostrar que iso non é verdade, que segue en plenitude de facultades, a florecer a cada paso nas mans manchadas desas pintoras e pintores que pasan pola sala.

Un evento, en fin, tan ben armado que conta cun catálogo en cada edición no que incluso atopamos, en sintonía co título, unha conversa entre os artistas participantes. O ciclo, promovido polo concello de Pontevedra, precisa seguir non só sendo apoiado co máximo interese, senón mesmo subliñado institucionalmente con máis forza na axenda cultural da cidade.

Título: Na beira do río. Diálogos na pintura. Rosa Úbeda / Yolanda Dorda.

Curador: Ramón Rozas.

Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra.

Datas: Ata o 20 de novembro.

O labor de Ramón Rozas

  • Unha crítica é sempre unha marabillosa oportunidade para o diálogo mesmo cando xorden diferenzas. Son dos que opino que sempre é bo ter a oportunidade de sermos criticados, mesmo de xeito negativo, porque sen a critica parecese que nos torcesen o xesto, ou que nos negasen o saúdo, ou que rexeitasen toda discusión con nós. Unha crítica é un convite e unha compaña. E sen a crítica hai silencio e soiade. Unha crítica é unha oportunidade para saber e coñecer, para comunicar, tamén para singularizar e visibilizar algo por riba da masa extensa, informe e plural de produccións.É verdade que a variada oferta obriga a escoller aquilo no que pousar a mirada, pero non é menos certo que a meirande parte de nós, críticos e público, devecemos por visitar ou escribir desoutros eventos e espazos máis rechamantes que visitamos apampados, e que, ao final, o silencio crítico se enseñorea de moitas producións máis humildes que merecerían esa conversa. Cavilo niso porque o promotor deste evento é el mesmo xornalista cultural e vén espallando e publicitando con enorme xenerosidade canta iniciativa xorde na cidade do Lérez. Por iso xa levaba eu tempo con ganas de escribir sobre este proxecto expositivo anual, primeiro porque cría nas súas moitas bondades e, segundo, como xeito de devolver ao curador Rozas todo iso que el fai como crítico desde o tecido cultural da cidade do Lérez.

Compartir el artículo

stats