Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Irlanda no corazón

Poesía da lucidez e da paisaxe

Irlanda no corazón

Comento hoxe un libro melancólico, Diario de Crosses Green, de Martín Veiga (Noia, 1970), afincado, como informa a lapela, na University College Cork. O dato non é fútil, pois todo o poemario está imbuído na saudade de dúas terras, a verdecente Irlanda e a non menos verdecente Galiza, entrelazadas por unha enxeñaría verbal que as dota dunha nostalxia case ameazadora. Todo o que ocorre neste dietario lírico está feito de accións do corpo e cousas materiais, como a vida mesma, mais tamén de sensacións case incomunicábeis onde a natureza é, sen dúbida, protagonista. A natureza interfire violentamente no corpo devolvendo o que o home perdeu, o instante da nenez en que a viu primeiro, en que sentiu na propria pel a esgazadura dos presentimentos, daquilo que se sente antes de o sentir. A paisaxe, pois, entrega e furta eses momentos que o autor trata de recuperar converténdoos en poemas, en imaxes poéticas que capturen, con eficacia, o que nunca puido ser dito.

Por este motivo, moitos grandes nomes da literatura irlandesa son aquí convocados: o poeta da lucidez do cotián, Patrick Kavanagh; o pintor das paisaxes que tanto impresionaron a Seamus Heaney, T. P. Flanagan, seu amigo; o poeta en gaélico e inglés Pearse Hutchinson; o nobelmente aclamado W. B. Yeats, que aumenta a estatura das palabras cando as coloca nos versos; e moitos outros escritores da illa dos artistas (nunca na historia ningún territorio tan pequecho produciu tal cantidade de xenios literarios como esa nación irmá). Xunto a estas mencións, brotan inmensamente, sen fronteiras, os topónimos omnipresentes da terra neboenta, da paisaxe feraz, como di o autor, da anatomía das augas. Aclaremos, desde xa, que Galiza e Irlanda son aquí un espazo consanguíneo, unha verdadeira irmandade líquida, explícita e certamente desolada.

Todo na paisaxe estarrece de frío, como un soño. Todo está mollado e húmido, até a voz se contaxia das efusións acuáticas. Vemos pedras musguentas onde afloran liques, nubes de chumbo que xa nunca voltan, garzas e fieitos, gaivotas de desconsolo, bairros enfermizos, unha luz gris que adormece nos campos... Algunha vez o final do poema transmútase en haiku: "Chegan ao cais espolios, áncoras sombrizas/arrefecen a Misela. Escoa un lamento/entre rochedos negros,/arfan aves". Para min, o poema máis fermoso é o que invoca con forza a plenitude telúrica dos que habitan a terra, para a mudar: "Aquí as douradas tesoiras de tosquiar/aboian entre os arames que T. P. Flanagan/ergueu no medio das palabras, pregaria azul/contra o silencio, azul contra os interminábeis/saloucos que entrecortados chegan coma un eco". Os galegos levamos no corazón a Irlanda.

VEIGA, Marín, Diario de Crosses Green, Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2016, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats