Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un atractivo xogo

Dándolle a volta ao conto

Un atractivo xogo

Partindo de contos tradicionais, dos contos de sempre coñecidos universalmente, reinterpretándoos, dándolles a volta, e impregnando a súa nova historia dunha compoñente humorística importante, crea El Hematocrítico Axente Riciños. Este é o segundo dos títulos traducidos ao galego por Edicións Xerais deste mestre de educación infantil, inglés e primaria, e autor de blogs humorísticos que colabora ademais en Cinemanía, a revista Mongolia, o programa Top Chef e que xa ten publicados varios libros. As propostas de El Hematocrítico son sempre anovadoras e orixinais, críticas e rompedoras, rompen cos prexuízos e esmagan dende a base convencións absurdas.

Nesta ocasión, dende o conto de Riciños de ouro El Hematocrítico artella outro que desbarata a imaxe que temos da rapaciña. Se non fose pola cativa a casa dos osos ardería pola sopa que deixaran ao lume, os colchóns rematarían por estragar o lombo de toda a familia e a cadeira acabaría rompendo co neno enriba. A pequena, que continúa o seu paseo por unha sorte de bosque dos contos, penetrará tamén en Brancaneves e os sete ananiños, Hansel e Gretel e O frautista de Hamelín e, así, Riciños, convertida nunha axuda incalculable para a policía, salvará a Brancaneves de comer unha mazá envelenada, os dous irmáns de ser comidos por unha vella e uns nenos, guiados por un falso mestre cunha frauta, de caer por uns cantís. E, á beira destas, saberemos dotras moitas cousas máis que lle valrán o nomeamento de filla predilecta do bosque por parte do alcalde.

Esta maneira de xogar cos contos, coa metaliteratura e co elemento estraño resulta especialmente atractiva para o público infantil. Xógase coa sorpresa e co absurdo, co que escapa ao que é case que universalmente coñecido e aceptado, ao xeito do proposto por Rodari. Desta maneira El Hematocrítico deixa unha proposta orixinal que desmonta tópicos universais dunha maneira amena, divertida e pouco común. Tanto que provocará o sorriso e mesmo as gargalladas de quen le, ao tempo que captará poderosamente a súa atención.

EL HEMATOCRÍTICO, Axente Riciños (ils. Alberto Vázquez), Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats