Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Polo país en festa

O verán festivaleiro galego

Público asistente ao festival Son das Mámoas.

"Na Galiza da festa, cóntoche a miña vida", cantaba O Jarbanzo Negro cando comezaba o século. O que non podía imaxinar este grupo de punk e mestizaxe da Coruña e arrabaldes é que, apenas quince anos despois, máis de cento cinuenta festivais de música ían asolagar o verán galego, convertendo cada recanto do país nun altofalante da explosión de creatividade que vive a música de noso. Probablemente, exista unha relación directa entre estes dous feitos, este rexurdimento da música en galego, con ducias de grupos de todos os estilos e mais ese abrollar de festivais en moitísimos lugares do país. Porque, a pouco que observemos quen está detrás destes novos festivais veremos a mesma rapazada da Xeración Xabarín que conforma as novas bandas da música galega. As e os que eran nenos nos anos 90 do século pasado e merendaron decote co Xabarín Club obviamente nin se formularon aquelas irrisorias cuestións de se o galego era óptimo ou non para facer rock, rap ou merengue que sobrevoaban a música galega xusto dez anos antes. Medraron escoitando con absoluta normalidade música en galego de todos os estilos, de aí sen dúbida a posibilidade de gozarmos hoxe de Sés, Familia Caamagno, Ataque Escampe ou Rebeliom do Inframundo. E tamén xorde con seguridade desa exposición directa e nada idiotizante á música que sufriron aqueles cativos a vaga de festivais de que gozamos na actualidade. O feito de posuíren referentes musicais próximos, o eclecticismo -relativo- da proposta ou a importancia -novedosa na altura- do audiovisual foron alicerces na creación dun público que demanda e consome música do país con total naturalidade. Se a isto lle engadimos a practicamente nula presenza das nosas músicas nas programacións culturais "oficiais", xa que agás contadas excepcións nin os medios públicos, nin as distintas institucións, están a reaccionar a tempo diante deste feito, semella máis entendible o xurdimento de ducias de festivais ao longo do país, autoxestionados nunha gran maioría, organizados por asociacións xuvenís e culturais de aldeas, vilas e barrios das grandes cidades. Só hai que ollar os mapas festivaleiros que circulan polas redes sociais para vermos como en practicamente cada concello do arco atlántico galego hai cando menos un festival autoorganizado, con notable presenza da música do país. Só na contorna de Vigo, este ano celebráronse o Morrasound, O Millo Verde, O Sons da Lameira, a Festa 13-14, o Xovenau, a Festa Folc de Vilariño, o Revoltallo, o Freixo Rock, o Son das Mámoas, o Arde Rande, o Son do Pazo, a Noite da Lúa Meiga, o Festival Reggae de Vigo e varios máis. E isto sen termos en conta outro tipo de festivais máis profesionalizados, como o SinSal San Simón, o SonRías Baixas ou o PortAmérica.

A cultura festivaleira xa é unha marca do verán galego -é sintomático que o apoio institucional máis decidido proveña dos departamentos de turismo- e un aliciente máis para visitar o país. Tamén dá conta da importancia do fenómeno a aposta por vincular a imaxe da súa marca cos festivais que están a facer varias empresas galegas. Cervexeiras, adegas, cadeas de supermercados ou empresas do leite patrocinan ou apoian algúns dos festivais de maior empaque. Cómpre lembrar que a pesar de non haber en Galiza ningún macrofestival alén do Resurrection ou Ortigueira, existen varios que contan con millares de asistentes. Así, ao carón de clásicos coma Pardiñas, Zás ou o Asalto ao Castelo, hoxe en día tamén o Revenidas, o Nordestazo, o Castelo Rock ou os devanditos SonRías e PortAmérica son citas que atraen moitas persoas de todo o país e tamén de fóra, as máis das veces na procura dun tipo de lecer que combina música, natureza, praia e gastronomía.

O que soou

  • Aínda que quedan datas festivaleiras por chegar, como por exemplo o Festival do Leite este sábado 17 en Compostela, a maioría das citas festivaleiras do verán xa van alá. Entre os concertos máis interesantes deste ano, hai que destacar o paso de Gabriel o Pensador ou Fanfare Ciocarlia polo Revenidas de Vilaxoán, de Molotov polo Castelo Rock de Muros, de Banda Bassotti polo Armadiña Rock de Combarro, de Steve'n'Seagulls pola Carballeira de Zás ou de La Vela Puerca e Soziedad Alkóholika polo SonRías Baixas de Bueu, de falarmos de bandas non galegas. E centrándonos na música de aquí, sen dúbida Sés, Dakidarría, Terbutalina, Nao, Poetarras, Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre ou Familia Caamagno foron dos grupos que arrastraron máis xente nos seus numerosos concertos. Mais para alén destes nomes de máis sona, o verán deixounos cousas como a volta dos Falperrys, cun soberbio concerto no Revenidas ou a descuberta nese mesmo festival dos novísimos Brinkadelia Troupe, que de certo van dar moito que falar o vindeiro ano. Aínda houbo tempo para gozar da contundencia do metal rural de Deseqilibrio Mental no Rockin'Vila e para ollar a transformación no directo que lle deu á Banda Crebinsky a entrada na voz de Serxio Zearreta. Tamén as citas festivaleiras permitiron constatar o bo momento que atravesan bandas como Agoraphobia -potentísimas no Armadiña Rock-, Sokram, The Lákazans, Ruxe Ruxe ou no eido folc Anxo Lorenzo, Riobó, Quempallou e Pelepau.

Compartir el artículo

stats