Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pontevedra de Castelao

No retorno do álbum Nós

Momento da mostra no Museo de Pontevedra.

Continuando a revisión da obra de Castelao, e logo de Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920), o Museo de Pontevedra presenta unha riquísima achega á etapa central da vida e obra do rianxeiro coa mostra Meu Pontevedra. Castelao (1916-1936) centrada no período en que a cidade de Pontevedra vai converterse para o artista na cerna do seu mundo afectivo e creativo.

A exposición é, de seu, unha excelente e pormenorizada revisión do labor de Castelao, mais a presenza na mesma -froito do traballo de investigación dos comisarios e do equipo do museo- dos orixinais do álbum Nós confírelle unha entidade de auténtico suceso cultural para o noso país.

O álbum, que estaba en paradoiro descoñecido desde comezos dos anos trinta, apareceu completo nunha colección privada, permitindo enriquecer de xeito substancial o coñecemento da obra de Castelao, xa que até agora apenas o coñeciamos pola edición impresa de 1930 e por diferentes bosquexos e variacións dos mesmos. A mostra, pois, devólvenos as calidades do orixinais dunha obra decisiva na traxectoria do artista e no desenvolvemento da arte galega.

O álbum Nós (1916) sinala un momento decisivo no percurso persoal de Castelao e marca unha viraxe sobranceira na nosa historia da arte. Na mesma altura en que se fundan as Irmandades da Fala, Castelao realiza unha obra coa que abre unha liña claramente social, marcadamente crítica e cunha estética que conecta coas correntes realistas.

A obra do rinaxeiro sinala unha ruptura radical con boa parte da arte dominante na Galiza dos anos dez, unha arte estaba en boa mediada baseada na anécdota e no paisaxismo máis epidérmico e idealista, sen afrontar practicamente riscos nin no formal nin no temático. Unha pintura que se conformaba, como trazo supostamente máis avanzado, con adaptarse aos modos das exposicións nacionais de Madrid en claves rexionalistas. Os temas sociais presentábanse en xeral dun xeito sentimental e inzados dunha teatralidade frecuentemente de escasa consistencia. Era, pois, unha arte decorativa, que se acomodaba ao gusto burgués e que ideoloxicamente acababa por agachar a realidade que aparentemente representaba, aínda que que nas mellores realizacións non deixaba de manifestar certa incomodidade a respecto do seu presente.

Pola contra, nos debuxos do álbum Nós agroman todas as contradicións, conflitos e esperanzas do home común dese convulso e esperanzador período, sendo en boa medida este traballo espello do seu tempo. Cómpre lembrarmos que estamos nunha década, a dos dez, en que aínda está en plenitude o sistema caciquil da Restauración borbónica. É un tempo en que se vai manifestar en toda Galiza a crise agraria, cun agrarismo articulado como movemento político e social e cunha loita política pola supresión dos foros que alcanza o seu máximo fragor entre 1910 e 1917, conseguindo o movemento atinxir un carácter de masas e estendéndose as organizacións agrarias por todo o país.

Esta problemática, unida a unha sensibilidade nacionalista, está presente, ocupando un papel fulcral, no conxunto do álbum, como o propio autor lembraba no texto editado no álbum Nós en 1931 cando lembraba que os debuxos foran compostos "cando Galiza s'espreguizaba d'un longo sono". Mais Castelao non se limita a transmitir con talento unha mensaxe ideolóxica mais ou menos abstracta. Os seus debuxos sitúanse do lado dos seres humanos concretos e representan, con moita variedade, as características físicas máis acentuadas do home galego. Hai que ter en conta que Castelao sempre estivo preocupado por plasmar do xeito máis eficaz posíbel as cuestións que afectaban á ética ou aos problemas políticos da sociedade que lle tocou vivir, cunha forte carga solidaria: a inxustiza das leis,"Os escravos do fisco", "¡Canto pesa e como fede!; a emigración, "En Galiza non se pide nada. Emígrase", "Eu non quería morrer alá. ¿sabe, miña nai?; o caciquismo, "A túa filla xa será unha moza, eh?; a problemática nacional, "Na veira do Miño. -E os da banda d'alá son máis estranxeiros que os de Madrí? (Non se soupo o que lle respondeu o vello)", "Como en Irlanda, érguete e anda"... O protagonismo central deste álbum téñeno personaxes populares: meniños, cegos, mulleres, homes do mar, labregos empobrecidos... e en contraste con eles burgueses e caciques, para en todos os casos o autor facer salientar as características máis notábeis deles.

Título: Meu Pontevedra. Castelao (1916-1936). Autor: Castelao. Comisariado: Ángeles Tilve Jar e Xosé Manuel Castaño García. Local: Museo de Pontevedra. Até o 11 de setembro de 2016

O artista esencial

  • Co álbum Nós, Castelao amosa unha capacidade senlleira para conseguir que o debuxo non sexa apenas un instrumento de denuncia, senón un instrumento de xustiza, definidor tamén no plano do social. Mais non debemos esquecer que estas preocupacións se elaboran por medio dunha coidada construción plástica -cuxa calidade é agora cos orixinais moito máis evidente-, de forma que nos seus debuxos utiliza recursos especificamente visuais.Coa presenza destes orixinais estamos perante un suceso único que permite unha atractiva revisión dunha figura chave na construción da nosa cultura nacional. Só resta felicitar aos comisarios da mostra Ángeles Tilve e Xosé Manuel Castaño e ao Museo de Pontevedra por facer efectivo este retorno do Castelao máis esencial.

Compartir el artículo

stats