Mentres unha nova ameaza en forma de bufón xenófobo sobrevoa a Casa Branca, Michael Moore insiste na súa particular batalla, emprendida desde os seus inicios como realizador con Roger & Me (1989), fronte as deficiencias económicas, políticas e sociais de Estados Unidos. Desta vez, o seu último manifesto audiovisual, Que invadimos agora? (Where to invade next?), supón unha tese comparativa entre as virtudes do estado do benestar europeo e a economía liberal norteamericana. O filme parte dunha idea principal, explicada polo propio autor: en lugar de invadir un país para apropiarse do seu petróleo, sementando morte e terror, non sería mellor invadir territorios para copiar as medidas sociais que verdadeiramente funcionan?

Michael Moore opta por desprenderse dunha boa dose de rigor para abrazar o súa eficaz dote cómico nun documento que, unha vez máis, supón un ataque ao radical individualismo do sistema estadounidense, que unicamente aposta por un sentido colectivo da organización da sociedade co patriotismo sumiso; é dicir, arredor da bandeira de barras e estrelas. Nalgúns momentos, Moore, como observador externo, semella apercibir o cidadán europeo da traxedia que suporía cruzarse de brazos mentres o Tratado Trasatlántico de Comercio e Inversións ameaza con desmantelar o noso estado do benestar.