Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antón Lopo : "Non creo que exista unha poesía con vocación minoritaria"

Antón Lopo - DIRECTOR DE CHAN DA PÓLVORA EDITORA

O escritor e xornalista Antón Lopo, en Compostela

- Se xa é difícil poñer en marcha iniciativas culturais nestes tempos, moito máis semella selo montar unha editorial que comeza con dúas obras de poesía e unha de correspondencia. Que foi o que os animou a fundar Chan da Pólvora?

-Chan da Pólvora Editora forma parte dunha especie de confederación de espazos de creación activa. Entre nós, estamos interconectados: a librería de Alicia Fernández e Eduard Velasco en Compostela, o selo de poesía en acción que articula Gonzalo Hermo, a revista e a editora, que xestionamos Manolo Martínez e mais eu. Compartimos recursos, coñecementos e esforzos. Ao tempo, temos capacidades independentes de decisión. Sobre esta base común, existe unha marxe de risco asumible para lanzar unha editora especializada en poesía, como o é para os meus compañeiros abrir unha librería. No noso caso, ademais, contamos con case cen subscritores fundacionais. Non son un grupo de amigos: son cen persoas que apoian unha nova forma de concibir o libro, de facer cultura, de difundir poesía e de producir traballo.

-Cales van ser os sinais de identidade da editorial e qué criterio van seguir Vdes. para a selección de libros que saian baixo o selo Chan de Pólvora?

-O noso obxectivo é construír ámbitos de resistencia nunha sociedade de esquelete devastado, insostible. Como material de construción non eliximos a herba, o titanio ou o ladrillo, senón a poesía, elemento aglutinante da identidade cultural galega desde a Idade Media. Tentamos recuperar o Adn do noso sistema literario e poñelo a producir. Cómpren paisaxes que fundan un futuro necesario e un pasado irrenunciable. O noso catálogo buscará transitar en ambas direccións con discurso propio.

-Por certo, de onde sacaron o nome?

Chan da Pólvora é un barete de Ons, horizonte e ámbito dos meus veráns desde a infancia. A illa sérvenos de guía na travesía editorial como símbolo e cartografía. De feito, na Illa de Ons, na casa de María Salvado, concibimos o proxecto. "Rabo de Égoa", nome da nosa segunda colección, é tamén un topónimo illán.

-Un dos seus primeiros títulos é a reedición de Urania de Chus Pato. O feito que sexa unha reedición é moi chamativo. Por que a escolla deste poemario?

-A elección obedece a esa vontade de catálogo onde convivan futuro e pasado. Urania foi o debut de Chus Pato, unha muller que cambiou o curso da poesía galega do século XX, e queriamos celebrar o 25 aniversario da súa publicación, feita en 1991 nunha edición de difusión limitada. Lido hoxe, o libro impacta pola súa forza: é incandescente, primixenio, celeste...

-O outro poemario que editan, polo contrario, é unha estrea: trátase da opera prima de Antón Blanco. Que cualidades lle vén a este novo poeta que, con Chan da Pólvora, vai irromper no panorama da nova poesía galega?

-Asumimos que é arriscado abrir unha colección co primeiro libro dun poeta de apenas vinte anos... Pero tamén é unha declaración de intencións e, ademais, partimos dun texto magnífico. Antón Blanco posúe unha posición sorprendente fronte ao feito da escrita. En A oseira, desvíase dos discursos que dan conta dun mesmo e transfórmase nun guía inquietante polos espellos da desfeita. É un libro que deixa sensacións olfactivas e táctiles. Un deses libros con poemas que te perturban.

-O terceiro libro é Querido Eduardo, a recompilación de cartas que Suárez Picallo lle escribiu a Eduardo Blanco Amor. Gustariame saber como xurdiu esta iniciatva e, sen desvelar demasiado, por que é importante esta correspondencia, cales aspectos descoñecidos poñemos descubrir a través dela.

- Ademais de publicar obras inéditas ou ofrecer perspectivas novas sobre fenómenos previos (un autor ou un eixo temático), queremos difundir documentos entrópicos da poesía. Nesa vertente inscríbese Querido Eduardo, incluído na colección "Rabo de Égoa": non só recupera e, digamos, populariza unha figura esquecida como a de Picallo, senón que axuda a comprender mellor a Blanco Amor, un dos grandes poetas da nosa literatura. Esta correspondencia redimensiona o movemento galeguista e, ao tempo, é o testemuño excepcional sobre épocas clave da historia de Galicia: a República, a campaña do Estatuto do 36 ou o exilio. Son, ademais, os primeiros textos gay da Cultura galega, entendido gay como un términos político, moderno, reivindicativo.

-O citado libro enmárcase dcentro da memoria histórica. Este campo vai ser un territorio habitual das publicacións de Chan da Pólvora?

-A editora, en principio, ten como ámbito exclusivo a poesía e os seus campos entrópicos. Debemos ter claro, en calquera caso, que a poesía non é un fenómeno estrictamente, ou unicamente, literario. Así que tamén nos gustaría reflectir dalgún xeito esas porosidades e os seus prodixios híbridos.

-Entre o mundo poético cunde o tópico de que a poesía "ten que ser para minorías", o cal semella unha disculpa para xustificar as escasas vendas. Iso non soa a resignación? Acaso a poesía non pode chegar tamén ao gran público, o mesmo que a narrativa?

-Non creo que exista unha poesía con vocación minoritaria, nin me parece que os poetas escriban con intención de ser Miley Cyrus. O mundo actual está marcado pola inestabilidade, e crear unha poesía con antetículos non ten sentido. Forxar unha obra supón un grande esforzo: Non debemos xulgala desde perspectivas reducionistas. En canto á produción, é obvio que vivimos unha catástrofe: a industria cultural galega está asfixiada, co que iso supón no tocante a forza cultural e postos de traballo. Nichos que parecían resistir o empurre brutal, como a Literatura infantil, comezan a dar síntomas tamén de esgotamento. As grandes empresas sobreviven nunha ameaza continua. Modelos como o noso intentan, en certo modo, paliar o colapso e contribuír a preservar un tecido mínimo.

-É curioso que en Galicia existan hoxendía varios grupos musicais especializados en musicar poemas de autores galegos,tanto clásicos como contemporáneos. Que lle parece este fenómeno? Debería de haber un a xeito de alianza entre poetas e músicos?

-É unha relación que se deu sempre, desde antes dos trobeiros. Supoño que, de momento, non corre perigo. Rosalía ampliou a súa base popular nos anos setenta do século pasado polas versións de Amancio Prada, como lle aconteceu a Manuel María ou a Celso Emilio Ferreiro, por mentar só dous autores relativamente contemporáneos. Os traballos recentes de García son expoñente, ademais, de que a música e a poesía poden fundirse en xéneros equidistantes de ambos.

Compartir el artículo

stats