Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Comunicación abisal

Da obra de Marcela Santorun

Peza presente na mostra Abismos de Marcela Santorun.

A artista Marcela Satorun expón a súa obra máis recente baixo o título de Abismos na sala de exposicións do Pazo de Torrrado en Cambados até o vindeiro 17 de xullo.

Empregando un depurado traballo pictórico, Marcela Santorun desenvolve no ámbito da imaxe unha reflexión sobre a comunicación no sentido máis íntimo e esencial -eses abismos aos que alude o título da exposicición e o texto da autora-, co corpo representado como cerna, como esencia, e coa identidade como un dos temas centrais do discurso estético. A obra sorprende pola sensibilidade coa que se achega a elementos e vivencias intensos, que nos transporta ao máis fondo da condición humana -desde a violencia ao erotismo-, como se a presenza da vida e da morte puidese ser transmitida por un lene e vago fío de trazos e cores, de luces e sombras, de manchas e transparencias que remiten a vivencias e pulsións intensas.

Son pinturas que nos transportan á alegoría, mais unha alegoría da nosa condición contemporánea, con toda a súa carga de desacougo -un desacougo xa dixerido e, en certo sentido asimilado-, froito da ambivalencia, ao tempo imaxe e miraxe.

Mais, sobretodo, o que achamos en Marcela Santorun e unha obra esencialmente pictórica, unha obra en que domina este aspecto sobre o simbólico ou psicolóxico, sen excluílos, cun sentido plástico para o que o debuxo é elemento conformador.

A súa pintura asume as contradicións e desenvólvese no paradoxo de fundir forma e contido, estilo e substancia, con eses corpos levitantes que evocan distancias, memorias ou desexos. Mais o que salienta é a súa capacidade de sintese. Santorum sabe ser selecta nas súas eleccións, conseguindo así entender qué trazos resultan vitais á hora de representar evitando ficar prisioneira da súa indubidábel capacidade técnica e da súa rigorosa formación.

Os abismos pictóricos que nos presenta a pintura de Marcela Santorun lémbrannos o que comentaba Antonioni a propósito dos seus filmes, "non se trata de usar instrumentos cada vez mellores para obter imaxes cada vez máis belas, senón de afondar nos contidos, para captar mellor as contradicións, as mudanzas, as atmosferas". Como para o cinesasta italiano, Marcela Santorum gusta de ollar. As cousas, as persoas, as paisaxes. Apenas así é posíbel aprehender a potencia do mundo. Ollando intensamente, como quen capta o celme da realidade mais é a súa unha ollada fundamentalmente interior, que se proxecta sobre a memoria e as pulsións, non cunha vontade explicativa senón cun sentido fundamentalmente aberto e expresivo, consciente de dirixirse ao espectador.

Marcela Santorum amósanos unha obra que fala do eu, mais que demostra que é consciente que falar do eu é tamén falar do "outro", porque o territorio do abisal é tamén comunal. A artista que optan por constatar e deixar testemuño do desequilibrio, da fraxilidade, da inestabilidade substancial da nosa condición, captando a inseguridade, a vulnerabilidade, mais sen un dramatismo efectista.

Trátase dunha pintura que fala por si propia, que alterna o delicado coa pincelada intensa, funcionando cun sentido marcadamente alegórico. Certamente podemos facer unha lectura da obra, un intento de desciframento consonte cun código (o título, a pincelada, a súa situación espacial...) que nos acaba por situar no territorio da tradición -das tradicións-, do que coherentemente coido que a artista non quere fuxir, senón que pretende que o referente "signifique", que se faga presente. Neste contexto é evidente que os títulos actúan como marco de resonancia que abre vías aos sentidos posíbeis da obra, pero sobre todo a obra deixa aberta a emoción dos sentidos, a posibilidade de captación primaria e intuitiva do espectador.

No traballo pictórico de Marcela Santorun podemos percibir unha vontade de acentuar visualmente a poeticidade, a sutileza, un desexo de amosar o alento morno da vida, que se ben non exclúe a tensión, evita os aspectos de máis superficial e a explícita dramaticidade.

O resultado é unha análise autorreflexiva, de afondamento no coñecemento da propia identidade e da condición humana nunha altura histórica concreta, a nosa, que malia -ou quizais por- a intensa carga epocal, acaba por ser esencialmente universal.

Título: Abismos.

Artista: Marcela Santorun. Local: Pazo de Torrado, Sala de Exposicións, Cambados. Até o 17 de xullo.

Espazo expositivo Pazo de Torrado

  • Cómpre salientar o traballo levado a cabo no Pazo de Torrado, sala de exposicións dependente do Concello de Cambados, que acolle a obra de Marcela Santorum. O equipo responsábel da sala preparou unha programación anual ben atractiva, iniciada coas mostras de Carlos Maño, Juan Rivas e ArtefactoSalnés e que terá continuidade con artistas como Manuel Vilariño ou Lino Silva. Un bo facer que xa converteu o local en todo un referente na área da Arousa e o Salnés, dinamizando a actividade expositiva nunha área de intensa tradición artística.

Compartir el artículo

stats