Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Gago: "A base da miña novela é unha historia incrible, pero certa"

Manuel Gago (Palmeira, Ribeira, 1976) debuta na novelística con O anxo negro (Xerais), unha historia que conta como un capitán retirado da Mariña Mercante, Nicolás Bren

Manuel Gago, onte en Santiago. FOTO: xoan álvarez

- O anxo negro vén ser a súa estrea na novela. Custoulle moito esforzo adaptarse ao estilo da ficción e, ademais, facelo cunha historia longa?

-Chegar ata O anxo negro foi un longo camiño, porque a literatura non nace porque si: hai que aprender, hai que tentalo varias veces ata descubrir que é o que buscas realmente como escritor. Non se trata só do que queres contar, senón de cómo facelo, da técnica que usas para conectar as túas ideas co lector. Para un novelista primeirizo coma min, escribir unha novela é como tentar domesticar un animal salvaxe que quere bulir para todos lados. Aí é onde estivo realmente o desafío. O meu obxectivo é atrapar, mergullar o lector na historia ata o punto de que non a queira abandonar, e conducir as tramas entre a liberdade, a sorpresa e o equilibrio. Está nos lectores e lectoras xulgar se o conseguín.

-Os novelistas din que unha das claves das boas novelas é acertar cos perfís dos personaxes,para que todo o que fagan sexa coherente ao longo de toda a narración. Dedicoulle moito tempo á construción das personalidades dos principais protagonistas desta novela?

-Gústame a metáfora dun pintor que emprega modelos humanos para poder ter un rascuño da figura humana a partir do cal crear e imaxinar libremente. Eu fixen algo semellante: todas as personaxes principais nacen de persoas reais para, a partir de aí, colleren vida e carácter de seu. Ao mesmo tempo, son tipos recoñecibles nas vilas galegas da costa e pouco explorados na narrativa galega, coma os mariños retirados con querencias culturais ou as mulleres da conserva. Curiosamente, un dos aspectos máis interesantes de crear personaxes é algo que non se ve demasiado no texto final pero que é imprescindible para que teñan consistencia: o seu pasado. Saberlles un pasado que o lector descoñece, permite que os personaxes se asenten no mundo de ficción.

-Por que decidiu que, parellamente á novela, haxa tamén unha proposta audiovisual arredor da historia que conta?

-A miña forma de contar historias é transmedia, asumo con naturalidade que para contar unha historia podemos empregar diferentes soportes, usando o mellor de cada un deles. En realidade, a miña xeración, que é a de Star Wars e moitos outros relatos coma o actual Xogo de Tronos, entendemos o transmedia como unha forma natural de acceder ás historias. Así que probar a desenvolver unha versión audiovisual, unha película ficticia a partir da novela, foi fascinante para min. Porque de súpeto os personaxes debían dar un paso máis que na novela: había que traballar a súa expresión, o seu modo de andar, había que facer reais as localizacións?é un exercicio magnífico para alguén que escribe.

-Podería describirnos en que consiste esa proposta audiovisual?

-É unha proposta audiovisual de sete minutos de duración que tenta parecer o tráiler dunha película que (aínda) non existe, baseada na novela. Nela participan máis de trinta persoas, caracterizadas de diferentes épocas entre os anos 80 e o século XVI e en gran número de localizacións diferentes. Foi dirixida por Sole Felloza e nela introducín detalles e claves que fan que sexa tan interesante para os lectores que non leron a novela como os que xa a leron.

-Cal é o obxectivo que procura con esa comunicación a través da web entre o lector e a obra?

-Creo que Internet crea unha oportunidade única para conectar a autores e lectores, ata o punto de que se poden establecer diálogos moito máis íntimos e concretos. Iso vai máis alá de responder comentarios no Facebook: trátase de aproveitar a tecnoloxía para crear experiencias literarias novas ou ambientes próximos e humanos entre o autor e os seus lectores. En realidade, está todo por facer nese mundo. No meu caso, eran os lectores os que decidían entrar nun universo de pistas e tempos vinculados á novela, que recibían en primicia, participando en certo xeito da propia intriga do libro.

-A novela parte do roubo de patrimonio eclesiástico nas parroquias rurais galegas entre os anos 60 e 80, e parte do encargo que lle fan a un capitán da Mariña Mercante de recuperar a figura roubada dunha Santa Mariña. Este arranque é real ou unha invención súa?

-A base da novela é unha historia incrible moi pouco contada en Galicia. Efectivamente, tras o Concilio Vaticano II e ata a década dos 80, en Galicia viviuse o maior expolio de patrimonio eclesiástico do rural da nosa Historia. Reparamos niso tras visitar durante vinte anos aldeas e escoitar, por parte dos veciños, centos de relatos de roubos e "desaparicións" en igrexas ao longo de todo o país. Foi o crime perfecto: trinta anos despois: a) a penas hai denuncias consignadas; b) como non existía un inventario do patrimonio moble non se sabe oficialmente que e canto desapareceu; c) moitos dos protagonistas xa morreron; e d) o único que queda é a palabra e a memoria dos veciños. A min, como xornalista, levaríame moitos anos poder probar estes feitos un por un, e non creo que o conseguira. E é aí onde a ficción e a literatura permiten alumear algo desta trama tan tremenda. O roubo desta Santa Mariña de ficción contén elementos reais de cinco roubos diferentes no rural.

-O roubo de patrimonio é un feito que aínda segue ocorrendo nas igrexas galegas. Por que optou por trasladar a historia a anos pasados en vez de ubicala no presente?

-Porque o principio dos anos 80 é unha encrucillada fascinante no que conflúen varios escenarios. A memoria da Guerra Civil aínda está moi viva, existe un baleiro de poder na transición á democracia, a sociedade agraria segue a existir na súa base tradicional, os vínculos coa diáspora son aínda moi fortes e de primeira xeración. Ademais, é o gran momento da Mariña Mercante, cando boa parte dos homes da costa galega van estar enrolados en barcos ao longo de todo o mundo. Unha clave de O anxo negro é que, aínda que haxa protagonistas, é a parroquia enteira a que se implica na localización da súa Santa Mariña, e como boa parroquia dos 80 conta con contactos en América, Europa, África... A emigración galega era un enorme exército de subalternos: cociñeiros, mecánicos, conserxes, obreiros, criadas, e quería amosar o enorme poder do que dispoñen os subalternos cando se conectan entre si. En todo caso, o roubo do patrimonio hoxe en día é moito menor que de aquela por un motivo práctico que pouca xente descoñece. Alén da presión policial ou da maior concienciación, a realidade é que a arte sacra, no mercado de antigüidades, ten nestes momentos os prezos polo chan. Así que os ladróns prefiren concentrarse noutros ámbitos.

-As presentacións do libro van acompañadas de proxeccións audiovisuais (e teatro), para animar á xente. Estase Vde. adiantando a cómo deben ser as presentación dos libros no futuro?

-Alguén dicía que o libro galego actual estaba en niveis de vendas dos anos 90. Eu pregúntome se, en parte, iso non terá que ver con que seguimos tratando o libro coma nos anos 90. A nosa sociedade cambiou: os eventos presenciais requiren de máis presenza, de máis experiencia física, porque para o resto xa está Internet, que é mil veces máis cómodo que acudir a unha presentación, se esta é aburrida e monocorde. Pero é que ademais a literatura é unha arte híbrida por esencia: converxe con moitas outras sen dificultades e se non se fai máis é porque iso require certo investimento, certa produción que non é doada de artellar. Pero eu creo cada vez máis en historias que se aplican con diferentes técnicas en diferentes sorportes.

Compartir el artículo

stats