Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ricardo Gurriarán: "A figura de Peinador Lines estivo tapada pola do seu pai"

Ricardo Gurriarán, en Santiago. FOTO: xoán álvarez

- Como xurdiu a idea de escribir esta biografía sobre Enrique Peinador Lines?

- A elaboración desta biografía foi unha iniciativa do Foro Enrique Peinador, que se puxo en contacto conmigo para que traballase nela, como xa o fixera antes para o libro sobre Ramón Obella Vidal, outro empresario que estaba tamén bastante esquecido na memoria histórica de Galicia.

- Resulta sorprendente o descoñecemento que, agás en determinados círculos, se ten da figura de Peinador Lines.

- Si, un pouco sorpendente, pero seguramente hai que ter en conta como unha das principais razón deste desocoñecemento, o feito de que a súa figura, ás veces, se confundes, ou é tapada, pola do seu pai, Peinador Vela, que foi o que creou o Balneario de Mondariz.

- Nesta biografía descobre Vde. aspectos inéditos sobre Peinador. En que fontes atopou estes novos datos?

- Atopei moito material desbrozando entre moitos artigos das revistas da época, así como tamén en varios arquivosm nomeadamente no Arquivo Histórico Nacional de Salamanca. Por outra banda, tiven a sorte de atopar un epistolario, que estaba en mans dun particular, e que me valeu de moito para coñecelo máis a fondo.

- Cando se produciu a excisión de Dereita Galeguista, Peinador Lines decidiu quedar co Partido Galeguista dos Castelao, Bóveda, etc?que se presentou as eleccións de 1936 coa Frente Popular. É dicir, que optou pola liña, digamos, máis esquerdista. Como compatibilizaba Peinador o feito de ser empresario co de optar polas esquerdas?

- Eu penso que este home estaba nunha intersección entre os dous sectores en que estaba dividido o galeguismo naqueles nos. Pero ocorreu que, nun momento determinado, optou por un deles, o máis progresista, pero non tanto pola súa ideoloxía como por outro tipo de factores como a amizade ou o feito de que, como home da cultura, coincidía con algún dos dirixentes do Partido Galeguista, empezando polo propio Castelao. De todos os xeitos, malia decantarse polo PG, Peinador Lines continuou levándose ben cos que fundaron Dereita Galeguista, sobre todo con Vicente Risco, como se demostra nas cartas que depositou nas súas mans.Teño para min que Peinadro Lines era, ao cabo, un firme partidario da unidade dos galeguistas, pero aínda así non puido evitar a ruptura.

- Onde e como pasou a Guerra Civil Peinador Lines? Nalgún momento sentiu que a súa vida corría perigo?

- Como militante do Partido Galeguista tivo, loxicamente, que manter unas certas cautelas. Nos primeiros días estivo agochado en diferentes casas de Vigo. O home tiña moito medo e tamén moita pena, estaba afundido moralmente, entre outras cousas porque un dos seus fillos foi fusilado, e era consciente de que andaban tras del ata punto de que, coido que por razóns de seguridade, chegou a facer correr o rumor de que marchara a México. Sen embargo, nunca se foi, sempre estivo en Galicia, e aquí morreu en 1940, só un ano despois de rematada a guerra.

- Como citaba antes, Vde. tamén fixo unha biografía doutro empesario "esquecido", Ramón Obella Vidal, fundador da empresa Zeltia. Que semellanzas atopa entre Peinador e Obella Vidal?

- Ambos viñan ser uns innovadores, definitivamente partidarios da modernidade e da renovación, e así como Peinador Lines converteu Mondariz nun pólo atractivo de galeguismo e cultura, Obella Vidal foi quen, despois da guerra, e nuha situación totalmente adversa, de poñer en marcha unha empresa do calibre de Zeltia, todo un fito na investigación centífica en Galicia.

- Ao recuperar as figuras deste tipo de empresarios galegos da primeira parte do século XX, dános a impresión de que, de non ter padecido a Guerra Civil, a Galicia de hoxe sería moi distinta da que é. Coincide con esta opinión?

- Por suposto que si, sería moi distinta. Ese período ditatorial do franquismo tirou abaixo todos os alicerces que se puxeran con anterioridade. Hai que darse de conta de que na Universidade de Santiago, por exemplo, botouse a perder todo aquel labor que estaban levando a cabo un conxunto de importantes investigadores, que remataron represaliados ou no exilio. E, en xeral, pódese afirmar que todo o núcleo que potencialmente podía anovar en Galicia, extinguiuse totalmente, e non se puido recuperar, aínda que fora parcialmente, ata os últimos anos de vixencia do réxime de Franco.

- É no ámbito empresarial?

- Pois pódese dicir exactamente o mesmo.

- Do pasado ao presente: cal, ou cales, serían o empresarios galegos actuais que máis se parecesen a este tipo de empresarios galegos do pasado? Ou nestes tempos sería inconcebible que aparecesen empresarios como Peinador e Obella Vidal?

- De momento, só hai indicios de que algunha xente se quere incorporar á realidade que nos rodea, pero non quixera nomear a alguén determinado. Estou a falar de incoporación a nivel cultural e lingüístico, desde logo. Pero, desafortunadamente, non son moitas, non, as empresas que hoxe por hoxe aposten por digamos "galeguizarse"; entidades capaces de ter sentido de país, nas súas expresións mercantís. Éste é precisamente un dos aspectos nos que traballa a Foro Peinador que, non obstante, xa ten conseguido introducir iniciativas galeguizadoras no campo empresarial de Galicia e, neste senso, estase a comprobar que estas iniciativas para nada se contradin coas posibilidades de espallarse, de extenderse, e de vender os produtos galegos, e en galego, por todo o mundo.

Compartir el artículo

stats