Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con ton desenfadado

Unha sensación de benestar

Con ton desenfadado

O ton desenfadado e divertido dominan o texto que baixo o título O capitán Maimiño publica Tambre na súa colección Ala Delta e cuxo autor, Antonio Manuel Fraga, xa é coñecido no panorama lietarario galego por obras como O Castañeiro de Abril, premio Merlín 2013.

Con esta narración o pontedeumés traslada aos cativos a un pasado no que a vida transcorre en castelos, entre as faenas cotiás dun rei, Pousafoles V, que deixa facer e un estratega, o capitán Maimiño, xefe dos exércitos, que se debate entre a ausencia de conflitos bélicos e a adolescencia dos seus fillos, Chinchanamoca e Belleco, que pretenden impor a súa vontade a pesar da oposición do seu pai.

Así, entre as infrutuosas clases de manexo da espada e as tediosas horas de bordado, cociña e baile, todos eles labores indispensables para unha educada dama casadeira e nas que a rapaza non vía ningún tipo de proveito porque o dela era a natureza con todas as súas formas e animais, transcorren as páxinas dun volume que prenderá na atención do lector mozo dende as primeiras liñas, porque a reinterpretación do conto clásico vese aquí aderezada cunhas pingas de humor e unha boa dose de chiscadelas de ollo á actualidade para que os mozos perciban, salvando as distancias, as sorprendentes coincidencias entre o pasado e o presente.

Voltar a vista atrás e fiar no pasado circunstancias da vida cotiá de hoxe en día resulta, cando menos, cautivador. Os fíos invisibles que unen as dúas esferas temporais amósanse na ficción literaria como elementos de cohesión cando os resultados son froito da reflexión. Sacudir o pensamento provocando reaccións, ben sexan a favor ou en contra, ou suscitando certa controversia á hora de actuar é sempre positivo.

Tamén vemos que a trivialidade cotiá convértese en motivo fundamental da vida cando están en xogo os afectos persoais e en O capitán Maimiño o seu protagonista vai adaptando o seu pensamento e a súa forma de manobrar ás situacións que se lle van presentando. O sentido común guía os seus pasos e a naturalidade vai moldeando o camino cando as circunstancias así o esixen. Ao final, o decorrer dos acontecementos e o paso do tempo amosan que as opcións elixidas son as correctas e iso produce unha sensación de benestar moi agradable.

FRAGA, Antonio Manuel, O capitán Maimiño, Ed. Tambre, Vigo, 2016, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats