Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Montañas de milagres

São Bento da Porta Aberta

Cartel floral anunciando a Porta Aberta.

A parroquia de Río Caldo, no concello luso de Terras de Bouro, é un espazo sen igual do Parque Peneda-Gerês, formado por magníficos bloques de granito, rodeado de vales e mesetas, frondas e bosques que dan vida e refuxio a variadas especies animais. É tamén un auténtico santuario natural que, ademais de albergar un amplo patrimonio arqueolóxico e monumental, está envolvido por típicas aldeas serranas que non perciben o paso do tempo. Nesta exaltación da montaña atópase o encoro de Caniçada como lámina azul que envolve a vista do principal monumento da poboación, o santuario de São Bento da Porta Aberta, o templo máis visitado do país despois de Fátima, destino de multitudinarias peregrinacións e romarías, tamén desde terras galegas.

Especialmente o día da súa festividade, o 11 de xullo, acolle a miles de devotos pero igualmente a diario o santuario recibe a ducias de fieis. Conta a tradición que o culto a São Bento neste lugar de Rio Caldo debe a súa orixe á influencia dos monxes de Santa María de Bouro. En 1615 construíuse a primitiva ermida nun pequeno montículo. A capela posuía un alpendre, como a maioría das ermidas no alto dos montes, e tiña sempre as portas abertas para servir de abrigo a quen pasaba. De aí viríalle a designación de São Bento da Porta Aberta.

O actual santuario, de grandes dimensións, comezou a súa reconstrución en 1880 e concluíuse en 1895. Son destacables os paneis de azulexo da capela maior, que retratan a vida do santo -pintados por Querubim Lapa-,así como o retablo realizado en talla dourada. A azulexería mostra desde São Bento na gruta -durante tres anos viviu illado nunha cova a sesenta quilómetros de Roma, facendo oración e meditación- ao milagre do corvo ou o dos sacos de fariña, ademais da entrevista coa súa irmá Escolástica ou a visión do mundo enteiro nun raio de luz.

Nos anos noventa decidiuse erixir un novo espazo moi próximo do primeiro, construción que foi concluída seguindo o proxecto do arquitecto Luis Cunha coincidindo case co cambio de milenio e que incluía toda a zona de lecer e esparexemento circundante. Situado na ladeira, o conxunto contempla grandes aberturas ao exterior que buscan o contacto continuo coa natureza. O 21 de marzo de 2015, con motivo dos catrocentos anos da súa fundación, o Papa Francisco elevou o santuario a categoría de basílica.

Moi preto existen itinerarios sinalizados para realizar tramos de fermosas rutas, como a da Geira, que chega tamén a Vilarinho das Furnas. Campo do Gerês é outra parroquia de profunda importancia histórica, vello territorio raiano cheo de patrimonio, natureza e tradición. Por aquí avanza a Vía Nova do itinerario Antonino, coñecida popularmente como Geira romana, franqueando todo o límite parroquial con paso polas millas XXVII, XXVIII e XXIX. Os miliarios son precisamente un dos atractivos deste antigo núcleo ao que algúns autores consideran encomenda dos cabaleiros templarios. Esta localidade alberga tamén o Museo Etnográfico de Vilarinho das Furnas, que preserva a memoria da comunidade mergullada en 1971 debido á construción do encoro. As ruínas da aldea comunitaria aínda asoman cando descende o nivel das augas do pantano. O trilho Águia do Sarilhão, con saída e chegada no museo, é unha pequena ruta de nove quilómetros de interese cultural e histórico.

Próxima, en Covide, existe outra pequena ruta, o PR1 Cidade de Calcedónia, de nove quilómetros, que leva ata o poboado fortificado da Idade de Ferro encantado por vellas lendas, onde algúns sitúan a mítica cidade que da nome á senda, Calcedonia. Á parte da paisaxe, no camiño deste traxecto aparecen cruceiros, hórreos, capelas e casas seculares levantadas ao amparo da rocha, aos que se suman pedras de caprichosas formas xa no cume.

O mosteiro da natureza

  • Preto de São Bento e de Santa María de Bouro, xa no concello de Amares, atópase outro lugar de peregrinación perfectamente conservado: o de Nossa Senhora da Abadia, en plena serra, situado nunha zona de feraz vexetación que parece xurdir para a meditación.A Nossa Sehora posúe, entón, un notable Via Crucis constituído por doce capelas diferentes, todas ofrecidas polos devotos. Ademais da igrexa e do mosteiro, existe un pequeno museo de arte sacra aberto ao público. Segundo di a lenda, o templo foi fundado por un nobre penitente ao que se lle apareceu a Virxe nunha cova durante principios do século XII. A igrexa, de estilo barroco, foi construída no século XVIII e conta con dúas torres de granito entre as que aparece un interesante pórtico. O interior do templo ten tres naves separadas por arcadas asentadas en columnas toscanas. O altar principal resplandece coa súa talla dourada e mais as súas imaxes. Preto está o órgano do século XVIII,aínda en funcionamento. Ao longo do ano o santuario recibe diversas festas, romarías e procesións, a máis multitudinaria a do 15 de agosto. O museo acolle diversas coleccións entre as que se conta a arte sacra, escultura e diferentes manifestacións relixiosas en forma de documentación e vestiduras talares. A etnografía, o folclore e a artesanía, especialmente do liño e da la, contribúen tamén á súa identidade.

Compartir el artículo

stats