Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LETRAS GALEGAS 2016 - MANUEL MARÍA

Galegos en Biscaia

Manuel María e Gabriel Aresti

Vista xeral de Bilbo.

Gabriel Aresti (Bilbo, 1933-1975) é, sen dúbida, un dos poetas vascos máis relevantes do século XX, e o seu libro Harri eta herri (1964, pero escrito xa en 1962), un dos textos que máis teñen influído nos poetas contemporáneos, aínda que hoxe, superada a vixencia da poesía social, a crítica valora especialmente Maldan behera (1960), debedor do simbolismo de T. S. Eliot. Aresti era euskaldunberri, é dicir, vasco que non tiña o euskera como lingua materna, e para recuperar a lingua negada ou perdida traballou arreo. "Nire aitaren etxea / defendituko dut", din os dous primeiros versos do máis célebre dos seus poemas: "Defenderei / a casa do meu pai". A casa do pai é o euskera e á tarefa de reconstruíla dedicou Aresti o seu fecundo labor intelectual. Un dos aspectos máis interesantes, para nós, da biografía humana e intelectual de Aresti é a súa relación con Galicia, patente tanto na amizade que mantivo con algúns escritores galegos, como no seu labor de tradutor de obras galegas ao euskera, entre elas O catecismo do labrego, de Valentín Lamas Carvajal.

Cremos que a primeira amizade galega do poeta vasco foi a que mantivo con Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), catedrático, daquela, no Instituto Masculino de Lugo, comunista (na clandestinidade) e axitador cultural. Segundo declaración á autora destas liñas, Alonso Montero e Aresti coñecéronse cara a 1964 ou 65, en Bilbo, na biblioteca da Deputación de Biscaia, con ocasión dunha viaxe do investigador galego para estudar as traducións galegas promovidas polo príncipe Luis Luciano Bonaparte, que el deu a coñecer. Comezou daquela unha relación entre dous intelectuais que se descubriron con outras afinidades, a primeira delas, o compromiso coas súas linguas e culturas e mais a crenza na misión social da literatura. A amizade de Gabriel Aresti con Alonso Montero debe entenderse no máis amplo contexto das relacións do poeta vasco con escritores militantes de esquerda, como Gabriel Celaya e Blas de Otero, que influirán na súa poética. Tras a publicación de Harri eta herri, Aresti pasará a liderar a poesía social escrita en euskera, e esa é tamén a opción estética -e ética- de Alonso Montero, de aí que o profesor galego se convirta nun dos máis entusiastas divulgadores de Harri eta herri en Galicia, de xeito que algúns escritores galegos adquiren as primeiras noticias sobre Aresti pola súa mediación, coma o poeta Manuel María (Outeiro de Rei, Lugo, 1929- A Coruña, 2014).

Manuel María chegaría a ser unha das amizades galegas máis asiduas de Aresti. Coñecéronse na primavera de 1972, pero tratábanse epistolarmente desde o 69. Do 3 de maio do 69 é a carta que Manuel María escribe a Aresti felicitándoo pola súa obra e enviándolle algúns libros seus. Di Manuel María: "Mi admirado poeta: Le escribo después de haber leído su formidable Harri eta herri, que me envió un amigo Magistrado que tengo en la audiencia de San Sebastián. Ya sabía de V. y de su poesía por el común amigo Xesús Alonso Montero, el que me dijo me enviarían el Catecismo do labrego, que ustedes editaron y que aún no me llegó. [?] Harri eta herri es, para mí, un libro realmente impresionante.Y creo que es usted uno de los mejores poetas peninsulares, juntamente con Salvador Espriu y con nuestro Celso Emilio Ferreiro. Solamente le di una lectura a su libro. Pienso volver sobre él varias veces. Y lamento muy de verdad tener que leerlo en castellano y no en su lengua original [?]

Gabriel Aresti contesta a Manuel María o 7 de maio, agradecéndolle os seus libros, que leu "con fruición", e enviándolle outros seus, ademais de expresarlle a súa vontade dunha colaboración fecunda para os dous pobos. Nesa carta, Aresti fala sobre o proxecto dunha antoloxía poética cuatrilingüe: "Es un viejo proyecto de Blas de Otero y mío el hacer una antología de la poesía de las cuatro nacionalidades que ahora constituyen el estado español con versiones a cada una de las lenguas. Usted sería la persona indicada para lo gallego".

Un ano despois, o 29 de maio de 1970, Gabriel Aresti escribe a Manuel María e exponlle a problemática relación que, ao seu entender, existía entre os vascos e os galegos emigrantes no País Vasco, e os seus esforzos para promover a comprensión e o respecto mutuos. Así, cando o Centro Galego de Barakaldo o invita a escribir no programa de festas, Aresti, que considera que estas manifestacións culturais de base, aínda que humildes, son as que teñen verdadeira importancia, escribe tres sonetos en castelán sobre o tema: "Otra vez a la boca, castellana", dirixido aos galegos que vivían en Euskadi; o segundo, "A menudo los veo, como encinas", ao pobo vasco, e o terceiro, "Mientras exista el pueblo habrá esperanza", a Manuel María. Aresti pídelle a Manuel María, como especial favor, que traduza os sonetos en prosa galega e que escriba un poema no mesmo sentido ca os seus, para formaren ambos unha forte voz a dúo contra aquela incomprensión.

Aresti tiña intención de facer unha tirada á parte cos seus poemas e a tradución galega de Manuel María, destinada aos intelectuais vascos e galegos. Manuel María fixo a tradución galega solicitada por Aresti, pero esta extraviouse e, finalmente, no ano 2000, Manuel María fai unha nova tradución, que é a que pode lerse no libro Galegos en Bizkaia (2007), responsabilidade de Xurxo Martinez Crespo e Raúl Río Díaz: "Abertos á espuma vela e remos/pola paz dos pobos, canta, escribe/a fe infalible na que os dous creemos./Este par de poetas morre e vive,/Gabriel Aresti no alfoz de Uribe/e Manuel María aló no val de Lemos.

As cartas de Manuel María a Aresti consérvanse no arquivo familiar, ao coidado de Andere Aresti Esteban, filla do poeta vasco, quen nolas proporcionou a nós. Tanto ela como a súa nai, Meli Esteban, gardan gratas lembranzas do poeta a quen hoxe homenaxeamos.

Compartir el artículo

stats