Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ferrados de poesía

Con versos rebeldes

Ferrados de poesía

Co fin de achegarlles aos rapaces a obra do escritor homenaxeado este ano no Día das Letras galegas, Edicións Xerais de Galicia vén de publicar na súa colección "Merlín" Manuel María Vida, versos e rebeldía, un volume no que Manuel Veiga inclúe baixo, o título "Manuel María, o home que aspiraba a coñecer a todos os galegos, un a un" unhas pinceladas acerca do personaxe, da súa vida cotiá, de Saleta a súa compañeira, da época na que lle tocou vivir e da súa obra poética.

A forma de organizar e seleccionar a información cobra neste apartado unha relevancia especial ao acompasar forma e contido como querendo que a figura do procurador, libreiro, editor, xornalista, poeta, dramaturgo e ensaísta se coe na casa de cada un dos galegos aos que o escritor quería coñecer.

A prosa sinxela, coidada e intencionadamente inxenua fai do texto un agradable exercicio literario no que o lector terá a oportunidade de coñecer e adentrarse na intimidade e na ideoloxía dun home que fixo da esencia do ser galego un estilo de vida.

Unha cronoloxía pormenorizada da súa vida e obra completan este primeiro apartado e dá paso a unha antoloxía poética infantil que baixo o título "Ferrados de corazón" prepara Xosé Lastra Muruais e no que incorpora máis de cincuenta poemas de temas variados para que os lectores aos que se dirixe perciban a riqueza e sensibilidade do insigne escritor. Unha mostra témola en "Carta aos nenos que pode servir de prólogo a este libro" que se presenta coa intención de amosarlles de "xeito elemental sinxelo e esquemático o que é Galiza, o que foi Galiza", xa que estaba convencido de que o futuro da nosa terra está nas mans destes nenos. Así tan interesante lle parecen os elementos da natureza (montes, ríos, o mar, o grilo, o cuco), coma os paxaros, o idioma, a fala e o mapa de Galicia, o tempo (inverno, vento, tarde, noite) ou as cousas (o meu barco, o chifre) porque todas forman parte da realidade da súa patria e todas conforman a nosa identidade como pobo.

As ilustracións da vilagarciá Nuría Díaz na escolma feitas a base do trazo sinxelo e moi suxestivo intentan captar a expresividade das palabras e a relacionan co trasfondo ideolóxico que subxace en cada un dos versos e en cada un dos poemas.

VEIGA TABOADA, M. e LASTRA MURUAIS, X., Manuel María. Vida, versos e rebeldía, Ed. Xerais, Vigo, 2016, 12 ?

Compartir el artículo

stats