Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Afouteza e responsabilidade

Polas debilidades dos máis fortes

Afouteza e responsabilidade

O V Premio Internacional de Novela Curta "Cidade Centenaria de Riveira" recaeu una obra A cacería, cuxo autor Amadeo Cobas é xa coñecido no panorama literario galego por títulos como Contos de viaxe, Miranda ou As pantasmas sodes do que non hai. Este crítico literario, dinamizador cultural, membro da Asociación de Escritores en lingua galega e fundador da editorial Tropo Editores, entre outras ocupacións, presenta un texto que atrapa a atención dende o comezo. O decorrer dos acontecementos, a tensión que se establece entre os personaxes e a prosa áxil proporcionan ao conxunto unha historia que, instalada nun pasado alonxado no tempo, resulta cercana e atractiva, quizais porque xoga cos parámetros da realidade e da imaxinación case a partes iguais.

Unha cacería que ha de aprovisonar alimento á tribo para unha boa tempada é o punto de partida da novela que ten en Zairo o seu referente. O mozo, que supera con creces o seu paso de neno á adulto, chega a súa aldea e a realidade bátelle de cheo na cabeza. A paisaxe non pode ser máis triste: mortes, vivendas arrasadas e nin rastro das persoas.

Ante tal situación só queda unha solución: saír na procura do seu pobo para restituír a vida. A travesía semella longa e arriscada, mais como non hai outro camino, afánanse na búsqueda e abofé que conseguen os seus obxectivos, non sen antes salvar obstáculos físicos e emocionais que van alterar o curso normal da expedición.

A afouteza e o sentido da responsabilidade para cos seus iguais son dous dos valores que guían os pasos duns homes que, feridos na súa honra, deciden restablecer a normalidade, aínda que saben que nada será como antes porque a desolación aniña xa nos seus corazóns.

O traxecto físico vai acompañado dun percorrido psicolóxico no que se perfilan os personaxes como actores dun filme no que o final parece feliz e incerto. A travesía axúdaos no seu proceso de formación e crecemento, porque mesmo os máis sabios precisan do colectivo para medrar, os máis fortes necesitan os compañeiros para expresar as súas debilidades e os máis valentes séntense arroupados ao lado dos outros E posto que saben que só a conxunción de varias frontes faraos fortes para manterse firmes nos seus propósitos, os líderes levan a cabo aquilo que se espera deles nesa procura da xustiza.

COBAS, Amadeo, A cacería, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats