Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vestindo fadas

Os contos e a moda

O traxe de Carapuchiña fotografado por Eugenio Recuenco.

Unha exposición no Fashion Institute of Technology de Nova York,abonda na relación entre os contos de fadas e a moda. Móstranse nela máis de 80 traxes e obxectos, cuxa inspiración se atopa nas fábulas de bruxas e princesas ou que teñen un leitmotiv recorrente nas historias clásicas de contos de fadas. Baixo o título Fairy Tale Fashion, a comisaria Colleen Hill pon en escena vestidos antigos e contemporáneos, recreando en diversas decoracións ad hoc a temática do xénero narrativo dos contos. Non se oculta que a idea popular de levar un vestido de princesa ou o símil da carapucha vermella fai doado o labor de reunir modas de fantasía, tiradas da narrativa infantil. Os contos de Charles Perrault, esoutros dos irmáns Grimm e Hans Christian Andersen representan os seus personaxes caracterizados por prendas significativas: dende o zapatiño de cristal de Cinsenta até o "espello, espelliño" de Maléfica, pasando polos longos cabelos de Rapunzel, os protagonistas dos contos identifícanse polo seu vestido. Na exposición, un decorado dunha fraga agrupa modelos relativos a contos como Carapuchiña vermella, Brancaneves e As fadas. Entre outros traxes, nesta parte hai una carapucha vermella de Comme des Garçons do outono 2014 á canda dun traxe de veludo verde, con aplicacións douradas, de Alexander McQueen de outono 2007. Un castelo de aires bávaros é o eixe doutra sección e doutros contos. Atopamos aí A bela e mais a besta, Cinsenta , A fermosa durminte e A raíña das neves, entre outros. Un modelo deseñado por Giorgio di Sant´Angelo en 1970 evoca unha Cinsenta en traxe de traballo. Os zapatos de cristal do conto aparecen exemplificados nos ingrávidos zapatos sen tacón creados polo xaponés Noritaka Tatehana do ano 2014. E unha capa de pel branca do peleteiro L. Mendel do 2011 evoca, da súa parte, á raíña da neve. Hai asemade unha sección dedicada ao mar, onde se citan A sereíña e As donas cisne, cun traxe de Charles James dos anos 1950, que semella unha rede nun corpo de serea. e outra creación de Thierry Mugler, de 1988, con forma de serea e cortes como escamas en cor prata. Complétase a sección cun traxe bordado con perlas de Rodarte do ano 2015.

Dous mundos paralelos de contos son tratados aínda na mostra: O de Alicia e o de Dorothy. Alicia no país das marabillas e O mago de Oz aparecen, pois, representados por modelos que, se ben non se inspiran explicitamente neles, si teñen unha identidade estética á par. A raíña de corazóns do conto de Alicia aparece citada cun modelo que leva cartas francesas bordadas, asinado por Manish Arora no 2010. O traxe azul de Dorothy é recreado nun modelo de Adrian de 1940. E os zapatiños vermellos aparecen transformados en tacóns de agulla cheos de rubís asinados por Christian Louboutin.

Moitos máis son os modelos de fantasía que recolle a exposición. E moitos aparecen así mesmo nas fotografías de escenas oníricas que acompañan á mostra. As mulleres en traxes monumentais e decorados delicados, que asina Kirsty Mitchell, evocan outras historias noutros ámbitos, sempre de fadas. E as fotografías do español Eugenio Recuenco transmiten os contos clásicos en escenarios propios da fantasía da moda. Ambos universos artísticos completan con idoneidade a selección do conxunto da mostra, a converter unha temática da vida infantil de todos nós, como son os contos de fadas, nun espazo inevitable para a moda.

Realidade e ficción

  • O traxe xoga un papel primordial nos contos de fadas, toda vez que os arquetipos dos contos foron construídos sobre a base da súa aparencia. Así, as creacións con gasas e saia longa de campá, asinados por John Galliano para Dior, evocan de seu a idea dunha raíña de fábula. Igualmente, os modelos de noiva buscan en xeral evocar unha princesa de conto. As capas, da súa parte, son unhas prendas ben literarias. Cando teñen cor viva ou vermella, recordan a Carapuchiña e os universos da infancia, tal é o caso das creadas en diversas coleccións polo americano Thom Browne. Cando as capas son escuras ou negras evocan personaxes maléficos e adultos: velaí os modelos de noite creados por Thierry Mugler.Os sombreiros conforman asemade un elemento de moda que ten débeda coa literatura infantil. O persnaxe do "sombrereiro tolo" aparece referido con frecuencia por deseñadores cando algún chapeu ten forma de tolemia ou alcanza un tamaño moi grande. Os sombreiros que Philip Treacy deseña, e que acompañan a case todas as casas de moda nos seus desfiles nalgún momento, teñen ese aire de conto. E, sen dúbida os zapatos, teñen referente literario. O gato con botas, ou as botas de sete leguas de Polgarciño fan de inspiración e chanza para moitas teimas en torno dos zapatos de home. A Cinsenta e Os zapatiños vermellos son escusa para denominar de xeito literario a uns zapatos, cando nos recordan a ese contos. Manolo Blahnik crea zapatos de Cinsenta e Christian Louboutin fai vermella a sola de todos os seus. Entre conto e conto, un modelo fabuloso.

Compartir el artículo

stats