Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Beli Martínez: "Estamos nunha das etapas máis interesantes do cinema galego"

Cofundadora da web novo cinema galego.info

Beli Martínez, en Pontevedra. FOTO: gustavo santos

- Con que propósitos e obxectivos nace o portal novocinemagalego.info?

- O principal obxectivo que ten a web é a de visibilizar un cinema que, se ben ten enorme repercusión en circuítos especializados, en Galicia, resuta descoñecido polo público, en xeral. Por este motivo nacemos, para achegar e facilitar que calquera usuario da rede poida obter información sobre un dos períodos máis interesantes do cinema feito no noso país como é o que estamos a vivir. Por outro lado, tamén está pensado para que aquelas persoas que están interesadas en investigar sobre o fenómeno ou a etiqueta atope nesta web un espazo de referencia onde atopar o que se ten publicado ata o momento sobre o mesmo.

- Que referentes tiveron á hora de poñer en marcha este portal que, en realidade, é darlle "carta de identidade" a un movemento cinematográfico protagonizado por creadores audiovisuais galegos?

- A idea era facer un espazo adicado exclusivamente a esta efervescencia creativa e dar conta do que aconteceu e do que está sucedendo, que é moito e bo. O Novo Cinema Galego valórase máis fóra que dentro de Galicia e quixemos loitar contra ese esquecemento. Quixemos fuxir do libro tradicional e inmóbil, para facer unha web dinámica e plural, que afondase máis no tema, onde poder ver os filmes que están dispoñibles na rede e, sobre todo, que fose unha ferramenta que axudase aos propios cineastas.

- Que debemos entender por Novo Cinema?: autores mozos, cine de vangarda, experimental, novos talentos do audiovisual galego??

- O Novo Cinema Galego ten un patrón que encaixa perfectamente cos novos cinemas dos anos 60 e 70 en Europa. En Galicia apareceu un grupo de cineastas que gravitaron arredor dunha política audiovisual concreta e que fixeron un cinema moderno, con risco e experimentación. Unha forma de facer cinema no que converxen cineastas de distintas xeracións, onde non hai un patrón estético ou creativo único. É máis; se queremos definilo por algo, será a través desa indefinición, xa que non existe un canon ou unha forma única de achegarse ao proceso cinematográfico. O Novo Cinema Galego enténdese como unha maneira de facer cinema.

- Sería posible falar de Novo Cinema Galego sen os adiantos tecnolóxicos?

- Está claro que o contexto marca, e moito. O Novo Cinema Galego non se podería entender sen a "democratización" tecnolóxica, xa que fixo posible que calquera puidese facer unha película cos seus propios medios, sen a necesidade dunha grande infraestrutura tanto tecnolóxica como humana. Hai uns anos, se querías facer unha película, obrigábante a entrar nunha estrutura que implicaba superar unha carreira de gran fondo na que tiñas que superar diferentes escalas para poder chegar a dirixir. Neste momento isto simplificouse moito. Ademais, dentro dos avances tecnolóxicos cabe resaltar tamén o acceso á banda ancha que foi vital tanto para a circulación dos filmes como para a creación de comunidades virtuais. Será, en gran medida, a través da rede onde os creadores e creadoras coñecen outras cinematografías alleas e amplían os seus referentes que serán incorporados nos seus traballos.

- Tamén se inclúe no NCG a directores que fan cine comercial?

- Non. Os cineastas comercias teñen o seu propio espazo. Sería un erro maiúsculo mesturar unha práctica cinematográfica industrial e estandarizada cunha creación máis fráxil e imperfecta, mais que reborda ambición artística.

- Cal é seu posicionamento ante o cine comercial, entendendo por tal o que se proxecta en salas chamadas comerciais ou é premiado con nominacións ao Goya, poñamos por caso?

- Non temos nada contra o denominado cinema comercial. Está aí, e de cando en vez imos velo. Coido que é necesario que existan estas dúas formas de achegarse ao cine e, é máis, coido que o Novo Cinema Galego debe evoluír de cara a xerar unha estrutura onde existan empresas que aposten por producir estes filmes máis fortes, pero isto pasa por unha remodelación da estrutura audiovisual, do papel da televisión, do sistema de axudas e do propio circuíto de exhibición. Eu sempre digo que me encantaría ver o cine que produzo nas salas comerciais. Coido que non é bo pensar que o cinema que facemos deba ser algo exclusivo ou reducido a unha especie de elite, porque é falso e ademais é perigoso. Se poñemos por exemplo Arraianos, creo que calquera galego ou galega pode entender e desfrutar a historia que se conta. Se ben a súa linguaxe non é a habitual, esíxeselle un esforzo ou unha participación activa ao espectador, cousa que non acontece nese cinema que adoita copar as salas comerciais.

- É compatible a obra audiovisual de vangarda co éxito comercial?

- Na situación actual, non. Apenas hai espazos de exhibición; nin se conta co apoio da televisión para facer viables estes proxectos, o cal xa reduce moito o éxito comercial. Mais hai que darlle a volta á pregunta. Moitas veces para sorprender no cinema comercial, empréganse fórmulas que se empregaron no cinema experimental. O cinema de vangarda é o campo de probas para que o cinema siga avanzando.

- Cal é o segredo do éxito que están a obter en certames internacionais os cineastas galegos do NCG e, nomeadamente, os documentais e as curtametraxes?

- Pois sobre todo está nos propios cineastas que creron neles e materializaron os seus proxectos nun contexto difícil. Para cubrir as carencias botaron man de inventiva, de experimentación e de moito risco. E fíxate ti, estas solucións atopadas estaban en consonancia coas propostas cinematográficas máis vangardistas a nivel mundial. Falaron do máis próximo, do de aquí, do que nos rodea, da nosa paisaxe, das nosas historias, as que nos dan identidade como galegos e galegas cun discurso persoal e unha mirada local que e demostraron que interesaba a nivel mundial esa mirada propia.

- No nacemento do NCG tiveron moito que ver as subvencións públicas, pero estas foron recortadas, cando non eliminadas. Corre perigo a propia existencia xa non só do NCG senón o futuro dos novos cineastas galegos?

- Si, sen dúbida. O Novo Cinema Galego debeuse a unha política audiovisual acertada. que, tal e como dis, esas políticas públicas foron redeseñadas nun momento no que debían dar continuidade a ese movemento e, por suposto, favorecer a aparición de novos creadores e creadoras. Na actualidade, gran parte destes creadores emerxentes quedaron nun limbo xa que pola natureza dos seus proxectos é moi difícil adaptalas a unhas axudas que apenas teñen en conta esta singularidade nin o seu potencial cultural e artístico. Por outro lado, nas axudas de talento, que son as destinadas principalmente para a xente que está a comezar, pódedr comprobar que a súa cuantía se reduciu moito, pasamos de 514.000 euros do ano 2006 para producir curtas con e sen produtora a 145.000 euros neste ano 2016 dos cales 90.000 euros son para facer longas e 25.000 para escrita de guións e 30.000 para producir curtas.

- Que papel están a xogar certames como o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu ou o Play Doc de Tui? Estase dende eles apoiando o cine galego ou prestan demasiada atención ás producións estranxeiras?

- Pois están facendo moi bo labor. Son ferramentas axeitadas para diagnosticar o estado da produción galega. Mais podería haber máis filmes galegos competindo cos estranxeiros. Se algo demostrou o NCG é que o cinema feito en Galicia está á altura do cinema feito noutros lugares do mundo.

Compartir el artículo

stats