Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na finitude

Entre a submisión e a liberdade

Na finitude

Hai algo máis de 25 anos, un vello ateo que xa sobrepasaba os 80 anos de idade preguntoume, sabendo que apenas lle quedaban unha horas de vida, se realmente procediamos dos australopitecos, ao que lle respondín que a evolución era un feito natural e que nós, os humanos e as humanas, descendiamos, por selección natural, dun antepasado común con outros primates superiores, como os chimpancés e os gorilas e que, entre eses antepasados se atopaban os australopitecos. Inmediatamente decateime do que procuraba aquel home, que morreu no solpor dese mesmo día; precisaba que alguén lle confirmase o que durante boa parte da súa vida fora o fundamento da súa existencia: a firme convicción, fronte as ideas aprendidas na súa mocidade no seminario lugués, de que o home non era un ser creado por Deus, senón o produto dun proceso biolóxico natural. Iso foi, daquela, o que lle confirmei, polo que en máis dunha ocasión pensei que aquel acto me convertera no substituto do crego que non ía acudir ao leito de morte a administrarlle o sacramento da extrema unción. Aquel home ensinárame na miña mocidade cales eran os fundamentos do seu pensamento ateo: a negación das milagres e da resurrección de Xesús -Xesús, malferido na crucifixión, afirmaba, logo de recuperarse durante tres días, fuxira de Xudea cara a Cachemira, onde morreu de vello logo de levar unha vida tranquila e pacífica- e a negación da Creación divina, o que paradoxalmente baseaba na lectura dos textos evolucionistas do xesuíta Teilhard de Chardin, unha teima que espertou o meu interese pola evolución e a prehistoria. En ningún momento, durante todos os anos que o tratei, pensei que lle obsesionase a morte, até esa tarde tan próxima ao seu pasamento; sempre considerei, polo contrario, que era un home de fortes convicción ateas que sabía que a nosa liberdade é o resultado da nosa liberación dos deuses e que debemos aproveitar esa liberdade para actuar neste mundo, para intervir na realidade e para transformar o mundo. Ademais dun vello ateo, era tamén un vello comunista! Supoño, de todos os xeitos, que a súa formación como crego na súa mocidade -alá polos anos 20 do século XX-, debeu ser determinante na súa vida, que debeu de transitar entre profundas contradicións: as que externalizan completamente a morte da nosa vida, como defende Sartre, e as que a internalizan, como fai Heidegger. Velaí as dúas correntes filosóficas que se manifestaron ao longo da historia de Occidente: unha conducente á liberdade; a outra, á submisión. O estudo desas dúas tradicións filosóficas e a análise das súas consecuencias políticas e sociais é o que vén de realizar Francisco Sampedro no libro Figuras da finitude (Laiovento, 2015).

SAMPEDRO, Francisco, Figuras da finitude, Ed. Laiovento, Santiago, 2015, PVP. 14, 56 ?

Compartir el artículo

stats