Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Agarimo tranquilo

Unha deliciosa creatividade

Agarimo tranquilo

A mediados do século pasado publícase en Estados Unidos unha serie de contos que teñen a Osiño como protagonista e que acadaron tal sona que mesmo se converteron nunha exitosa serie de televisión.

A súa autora, Else Holmelund Minarik, de orixe danesa recoñece que as narracións de Hans Christian Andersen que a súa nai lle lía de pequeña están na base destes relatos que logo ela mesma recrea para a súa filla. Así naceu a colección coa que Else agasalla os seus lectores e que Kalandraka Editora ofrece nunha coidada edición para que poidamos admirar na nosa lingua uns textos sinxelos nos que a tenrura asolaga as emocións dun cativo e no que as imaxes permiten un paseo polo fascinante e imprevisible mundo da infancia, representado aquí por unha familia de osos que se comportan como as persoas no que constitúe unha curiosa trasposición de mundos.

Son catro os relatos breves escollidos para este primeiro volume no que o protagonista recibe as atencións da súa nai cando ten frío, no día do seu aniversario, cando ao pequeno se lle ocorre ir á lúa e no momento de ir á cama cando non pode durmir porque ten unha listaxe de desexos que non lle deixan conciliar o sono.

A presenza dos pais resulta fundamental para que os pequenos desenvolvan as súas capacidades e sexan quen de abordar aprendizaxes que lles sirvan para o seu futuro. A seguridade que proporcionan os adultos en determinados momentos do día, a sensibilidade coa que tratan as ocurrencias máis disparatadas, a empatía nos procesos creativos ou a paciencia como calidade do que agrada con tranquilidade a que os acontecementos sigan o seu curso natural son algún dos mecanismos que se poñen en funcionamneto nos relatos dun volume convertido xa en clásico e que ten ao plantígrado como referente literario.

A vida cotiá, os xestos de todos os días, o agarimo tranquilo e as boas intencións son os piares que terman dos contidos que transmite a autora e que guían o comportamento dos personaxes que cautiva a atención do que le ou do que escoita.

Pola súa parte, as historias curtas e independientes, os diálogos sinxelos e sempre amables e o texto rimado con frases e fórmulas de doada repetición proporcionan ao conxunto unha musicalidade extraordinaria que, unida á delicadeza coa que Maurice Sendak lle imprime aos seus debuxos, fan do volume un delicioso exercicio de creación.

HOLMELUND MINARIK, E., Osiño (Ilustr. M.Sendak), Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2015, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats