Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tempos chegados?

O ensaio político galego a exame

Fachada do Parlamento galego.

Debuxar catro horizontes de futuro para Galiza: o mantemento do Estado autonómico actual, a transformación do Estado español nunha entidade de natureza federal, un Estado independente ou unha Galiza auto-organizada a partir de abaixo. Este é o obxectivo de Tempos chegados? Sobre o futuro político da Galiza, (Galaxia), coordinado por Arturo de Nieves e Carlos Taibo. O libro é, ademais, un dos máis recentes exemplos de ensaio político publicado por unha editora galega.

Malia títulos coma este e, tal como salienta o crítico Isaac Lourido, o ensaio como xénero literario "forte, autónomo", non ten na actualidade un grande peso no mercado editorial galego. Isto pode deberse, na súa opinión, á tan comentada "falta de autonomía" do noso campo literario. O ensaio tende, na súa opinión, a hibridarse con outros xéneros ou modalidades discursivas ou a asumir funcións que non lle son propias. Así, as moi heteroxéneas coleccións de ensaio reúnen desde traballos "puramente académicos" a obras só divulgativas e, entre estes dous extremos, libros que cumpren con maior ou menor fortuna "algunha ou varias das tres cualidades que puido cumprir historicamente o ensaio político como xénero: reflexión intelectual de alcance sobre asuntos de interese público, defensa argumentada dunha posición propia e certa vontade de estilo".

A crítica e profesora Dolores Vilavedra detectaba xa súa Historia da literatura galega unha "mínima autonomía" do ensaio como xénero, xa que "agroma espontáneamente só en contadas ocasións" e fornécese "dos froitos da investigación, sobre todo universitaria", dando lugar a liñas como o relacionado co "proxecto de fundamentación nacional" ou, no ensaio lingüístico e literario, fórmulas de carácter ao seu ver máis "político".

Mais a situación foi, neste sentido, mellorando, e é certo que parte das editoras do país fan un esforzo por sacar un tipo de libro de non ficción máis vencellado ao debate político de actualidade, caso de Laiovento, 2.0, Estaleiro ou mesmo Kalandraka ou Difusora. Malia que falte unha que desenvolva esta liña dun modo máis sistemático. Doutra banda -indica Lourido- non todo libro que fale de política é "propiamente" un ensaio, caso de Por un común denominador. A esquerda da nación, que recolle unha entrevista da xornalista Rosabel Candal co político Martiño Noriega, ou de Crise global e crise da política, de Emilio Pérez Touriño, exemplos de "híbridos" que responden a "intereses alleos aos propios do campo intelectual". Lourido engade, ademais, que algo semellante pode pasar con "libros colectivos" ou con textos breves "incluídos entrevistas, fanzines, follas voandeiras, que no mellor dos casos conseguen formular perguntas, mais que ofrecer respostas".

En confluencia con Lourido, o crítico Mario Regueira engade que tamén "hai unha parte de política 'institucional' que se publica xeralmente nas grandes editoras, ou nas pequenas, pero penso que ten outras características, comezando por non formular unha ruptura do escenario e si unha perspectiva partidista concreta". Regueira distingue, desta maneira, "libros para consumo de militantes dos grandes partidos; outros de cohesión grupal de novos proxectos, como 15-M. O pobo indignado de Laiovento; outro grupo de inquietudes políticas individuais que moitas veces parten de blogues, caso de Manolo Barreiro ou David Rodríguez, e finalmente textos programático-filosóficos que apuntan a unha teoría xeral, como Decrescimento, crise e capitalismo de Carlos Taibo. Podería engadirse aquí parte da produción da filósofa e xornalista Rebeca Baceiredo, ademais de ensaio de ciencia política de corte máis académico como o asinado por Marta Lois, Isabel Diz ou Nieves Lagares.

A rede como desafío

  • Mais, en función da definición que se achegue, a clasificación pode ser outra. Se se engade, por exemplo, un xénero tan profundamente político -no sentido do público- como o feminista. Entón, o de María Xosé Queizán, Teresa Moure ou María Reimóndez, entre outros, serían nomes a subliñar. O pensamento crítico tamén atopa acubillo en internet, -en forma de microensaios en blogues ou plataformas colectivas-, ao xeito de artigos de opinión nalgúns medios de comunicación, en experiencias de confluencia a través da rede como Proxecto Derriba ou Galiza Ano Cero, en encontros como a Semana Galega da Filosofía ou, ás veces, en materiais xurdidos do asociacionismo ou de centros sociais autoxestionados."O grande desafio para o ensaio" é, segundo Isaac Lourido, "internet". Hai anos -lembra- cando se desenvolvía o blogomillo, pensouse que era posible crear unha comunidade virtual galega que analizase asuntos de interese público, mais ao final os blogues acabaron sendo polo menos en parte desprazados polas redes sociais. "A miña idea", asegura, é que a produción de pensamento neste sentido só é viable "en comunidades específicas, con determinada cohesión intelectual e grupal", mentres que o resto podería asemellarse a "unha selva" que non pode substituír o ensaio no sentido máis clásico.

Compartir el artículo

stats