Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A chave para soñar

Antonio García Teijeiro

Na miña casa non había libros. No colexio ao que eu ía ninguén se preocupou de fomentar a lectura. E curiosamente, o primeiro escritor que eu lin foi Jules Verne.

Meu avó tiña unha tenda de zapatillas na Colexiata. No primeiro andar da mesma, había un mundo de cousas vellas cheas de po. Un día, naquel revoltallo, dei cun álbum de cromos. Estaba completo e chamábase Vinte mil leguas baixo dos mares (en castelán, xaora). Fiquei abraiado diante das imaxes daquel álbum. Namoreime del e do que alí se vía. Tería eu sete ou oito anos máis ou menos.

Daquela, preguntei por Jules Verne. Estaba emocionado. Miña nai, ante a miña insistencia, mercoume un libro deste autor. Era unha edición d´ A illa misteriosa, adaptada para pequenos e publicada pola Editorial Bruguera en 1958, nunha colección que se chamaba "Corinto". Teño este libro en cartoné nas miñas mans. O tempo pasou por el, pero eu gárdoo coma o tesouro que é para min. Ole a vello. Porén, acaba de revivir. Está tamén canda min, mentres escribo estas liñas, o segundo libro de Verne que me agasallaron. Editado pola Editorial Bruguera en 1959 (con censura eclesiástica, por suposto) na colección "Iris", permitiume navegar cara á lúa. Un viaje a la luna é o seu título e lembro a súa lectura cun enorme pracer. Con el comecei a soñar, a imaxinar, a viaxar no tempo. Foi o único alimento que tiña a miña imaxinación naquela sociedade pechada e gris.

Fun lendo a Verne pouco a pouco. Mais sempre ficara na lembranza aqueles cromos que tanto significaran para min. A descuberta dun mundo que se me/nos agochaba e polo que eu intentaba viaxar para sentirme heroe.

Miña nai marchou case sen avisar unha negra noite de bágoas e berros. E con ela, o meu dereito a soñar. A súa ausencia privoume dese achegamento aos libros que se estaba a producir en min. Ela era a única que lía algo na casa. Gardo os seus libros coma alfaias que son.

Daquela, non volvín a ler ata ben pasado o tempo, pero Verne vivía en min. Foi xa no ano 1996 cando retomei as lecturas de Jules Verne. Caeu nas miñas mans unha edición marabillosa de Vinte mil leguas de viaxe baixo dos mares ( en castelán, claro). Na colección "Tus libros", a editorial Anaya publicou un bo número de clásicos "xuvenís". Entre eles, claro, este libro que eu estaba disposto a ler na lembranza daquel álbum que me engaiolara.

Deixei a lectura que estaba facendo e entrei no excitante mundo do Capitán Nemo, do Nautilus e de todos os desafíos que Verne plantexaba no libro. Non é doado abranguer a inmensidade do mar nunha novela, pensei. Unha novela, por certo, que apareceu en 1869 con dous capítulos cada quince días na revista Magasin Illustré d´éducation et de recréation e que rematou na metade do ano seguinte. A figura do capitán Nemo engaioloume dende o principio. Tan desmesurado como para ser protagonista absoluto da novela xunto co mar. Personaxe moi marcado, "fóra do común, cunha personalidade atormentada e desesperada", como afirma Miguel A. Navarrete, na introdución desa edición. E un loitador teimudo polas reivindicacións das novelas de aventuras: xustiza implacable, non exenta de vinganza e a humillación do inimigo. A forza dos personaxes é o que máis me atrae da narrativa.

Emocionante foi, ademais, para min ese capítulo VIII da segunda parte na baía de Vigo. ( -"E ben?- pregunteille. - E ben?, señor Aronnax- respondeume o capitán Nemo-, estamos na baía de Vigo, e depende de vostede penetrar nos misterios").

De Verne xa se dixo case todo. Cada volta é máis coñecido. Hai moreas de estudos sobre a súa obra. Para min foi a chave que me permitiu soñar co mundo aventureiro dende a literatura. Non vou descubrir nada novo. Pero si rematar cunhas palabras de Georges Duby, que nos refire M.A. Navarrete sobre o autor galo: "Nun país que sabemos ata que punto vacilaba perante o mundo moderno, Jules Verne aportaba un optimismo e un entusiasmo polo futuro que servían de contrapeso a tantas nostalxias de mundos pasados."

Compartir el artículo

stats