Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os 25 anos do CPR Don Bosco

As primeiras directoras, antigos alumnos e responsables de distintas áreas lembraron a actividade deste colexio

Bendición do camelio plantado no colexio.

O CPR Plurilingüe Don Bosco (Salesianas) celebrou unha festa con motivo de cumprir 25 anos de actividade docente. A xornada tivo como eixo central facer memoria agradecida a estes 25 anos como escola de Educación Infantil e Primaria e a súa continuidade como escola de Secundaria. Os actos comezaron cunha Eucaristia na que participou toda a comunidade educativa nas diferentes lecturas, ofrendas, cantos, etc. Unha das ofrendas máis simbólicas foi un arbusto de camelia e a cápsula do tempo con lembranzas de todos os cursos. Ao rematar, plantouse a camelia no xardin que hai diante do centro, querendo así simbolizar que a vida crece, florece e permanece. Posteriormente, todos os convidados e convidadas degustaron un aperitivo que serviu tamén de tempo de convivencia, reencontro, intercambio de impresións, lembranzas, experiencias...

Despois celebrouse unha mesa redonda con persoas representativas da gran familia salesiana. A moderadora foi a xornalista e antiga alumna Diana Amores, e participaron as dúas primeiras directoras do centro: Sor Felicidad Ruano (Feli) como representante do inicio da etapa de E. Primaria, e Sor Dolores Núñez (Lola) como continuadora do proxecto e impulsora da etapa de Secundaria. As dúas comentaron como foi o proceso burocrático coa Administración Educativa, o gran apoio ofrecido polas familias do alumnado e a dedicación do profesorado. Tamén relataron as súas lembranzas con gran emotividade e cariño Emilia Estévez (Milucha) no seu labor atendendo o comedor do colexio; Guillermo Romero, como un dos primeiros representantes da ANPA; Xosé Ramón Alonso, membro e iniciador do Centro Xuvenil, expuxo o significado e peso que ten na súa vida o feito de ser monitor de tempo libre nun centro salesiano; Joaquin Vilar (profesor do centro) relatou os seus inicios e o paso destes anos mentres que Francisco Nores, antigo alumno, nos entretivo con anécdotas que fixeron lembrar moitos bonitos momentos vividos no centro e fixo presente a algún membro da comunidade educativa que xa non está.

A seguir, houbo dúas actuacións de danza, unha acrobática a cargo de dúas alumnas de educación primaria, cuxa entrenadora é unha antiga alumna, e outra de danza moderna, presentada por un grupo de alumnas de ESO.

Por último, o cantante e antigo alumno do centro Juan José Rodal deleitounos coa súa magnífica voz ao interpretar dúas cancións que serviron para pechar estes actos repletos de emoción e alegría.

Compartir el artículo

stats