Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A gaita galega, ao alcance de calquera intérprete

A editorial Ton e Son publica "Manual ególatra básico", de Cristian Silva, o terceiro tomo da colección "20 pezas para gaita galega"

Cunha longa traxectoria no mundo da música tradicional, Rafa Crespo embarcouse en 2012 nunha nova aventura: a editorial Ton e Son.

O seu xermolo hai que atopalo nas xuntanzas que compartía co tamén mestre de música Javier Esqueira, nas que de intercambiar ideas e materiais didácticos para as súas clases pasaron directamente a crealos.

O paso do tempo definiu o proxecto editorial cara a música tradicional, publicando en primeiro lugar un Cancioneiro Popular que foi éxito de ventas. Tras esta recompilación, que incluía a transcrición musical de cada un dos temas, Crespo sacou do prelo o Karaoke Popular, a versión en DVD de varias das cancións recollidas no anterior. "O obxectivo principal de Ton e Son é a difusión da música tradicional a través de materiais económicos e accesíbeis", afirma.

Tras "A viaxe de José do Campo", un conto orixinal creado por Xavier Balsas e o propio Crespo e interpretado por O Fiadeiro -do que o editor é director musical-, xurdiu "20 pezas para gaita galega", que agora se nutre co seu terceiro volume, "Manual ególatra básico", de Cristian Silva. XurxoJachía, con "Ácido folclórico", e Carlos Estévez, con "Tradicionalmente" completan, polo momento, esta colección de libro/CD.

"Veneramos, como é lóxico, aos gaiteiros de antes, pero hai unha xeración de transición que coido que ten feito méritos dabondo para que deixen rexistradas as súas composicións", apunta Crespo.

Os tres gaiteiros que conforman actualmente a colección son músicos contemporáneos, cunha grande bagaxe no mundo da música tradicional, pero moi diferentes entre eles. "Cristian procede do 'mundo conservatorio'; Xurxo é quizais un dos gaiteiros máis coñecidos a nivel mundial pola súa faceta youtuber. E Carlos, na miña opinión, é puro talento; non erra nunca a nivel interpretativo", sinala Crespo, quen como editor quixo deixar patente a diversidade que existe hoxe en día dentro da música tradicional.

Compartir el artículo

stats