Diversos intelectuais galegos loubaron onte a Ramón Chao, destacando a súa faceta persoal, periodística e política.

| Xosé Luis Méndez Ferrín recibiu a nova por FARO. "Entristéceme a noticia -dixo-. Lembro ter estado con el en París e en México, en misión internacionais nas que levamos un punto de vista antifascista e nacionlista. É un importante intelectual", apuntou. O escritor e articulista de FARO definiu a Chao coma "unha presenza viva de Galicia en Francia e París". "Desde ese 'exilio voluntario', esa residencia voluntaria en Francia, nunca esqueceu o país e sempre lle rendeu a Galicia grandes servizos. El estaba nun punto de observación privilexiado durante moitos anos, na Radiotelevisión francesa; estaba coas antenas postas a todo o mundo e moi ben afinadas nas colaboración cos medios de comunicación galegos desde Francia. Foi tamén un amigo de causa na esquerda nacionalista, despois foise retirando a unha posición de esquerdas, pero máis independente. É un grande intelectual desde no eido da música do que procedía, e que nunca abandoou, ao do pensamento, da escrita. Axudou á resistencia durante o franquismo", lembrou Méndez Ferrín.

| Moncho Paz, xornalista galego e amigo de Ramón Chao, destacou a súa amizade. "Para min foi moito máis que un referente, foi un amigo e un confidente, do cal aprendín grandes leccións de saber estar, na profesión xornalística e tamén na vida", sinalou. "Quedámonos orfos do noso pai intelectual, perdemos ao noso amigo, con maiúsculas". Gañador do premio Johan Carballeira de xornalismo pola súa entrevista a Ramón Chao, Moncho Paz lembra que ano pasado, o 27 de maio, o xorlanista fixo unha visita privada coa súa muller e os netos, porque quería ensinarlles o piano de pedra de Vilalba. "Viña todosos anos a pasar as festas de San Ramón a Vilalba. Para min foi un referente intelectual, co que tiven unha relación persoal forte; falábamos todas as semanas cando estaba en París. Agora xa estaba en Barcelona", destacou.

| Manuel Bragado, editor, dixo que coñecera persoalmente a Ramón Chao "tarde, fai 16 anos". "A partir dese momento mantiven moita relación con el e tamén telefónica, cando viña a Mallorca. Coñecino a través dun amigo común, de Edicións Espiral Maior. Tratábame como se eu fora o seu compañeiro do Bacharelato. Tiña unha capacidade de empatía asombrosa e unha capacidade de expresar enerxía que contaxiaba en todas as súas actividades: a xornalística, que entendía como o oficio doutro tempo; a escritura e a música, que foi o que lle modificou a súa vida? porque foi un virtuoso do piano", lembrou o editor, que asumiu o compromiso de editar "O Lago de Como" en galego en 2004. "Descubrín que se criara tocando o piano na fonda dos seus pais e que era alí onde paraban Celso Emilio Ferreiro ou Álvaro Cunqueiro. A excepcionalidade do caso de Ramón Chao é infrecuente; alguén con tanta enerxía e motivación. Debeu ser algo como un 'neno prodixio' que tocaba o piano de forma virtuosa aos dez anos nunha vila complexa".

| Manuel Rivas calificou o pasamento de Ramón Chao coma "das máis tristes noticias". "Pero el non estaría de acordo e escribiría rebelde un graffiti na tapia do cemiterio a consigna Situacionista: 'Non hai tempos mortos!', sinalou o escritor na súa conta de Twitter.

| O Colexio de Xornalistas expresou "o seu fondo pesar pola morte deste profesional, figura clave na historia do xornalismo galego e internacional", e trasladou "o cariño de toda a profesión á familia e amigos do veterano xornalista e escritor.