A orquestra europea de música folk contemporánea con base en Vigo, SondeSeu, prepara a presentación do seu novo disco: Beiralúa. É o quinto traballo deste equipo de músicos que creou unha nova fórmula orquestral imitada posteriormente noutros países. Beiralúa, que incorpora a participación de numerosos compositores e intérpretes galegos, soará por primeira vez este sábado no Auditorio de Cangas, o mesmo día que sairá o disco á venda.

Para Xaquín Xesteira, presidente da Fundación SondeSeu, este traballo chega nun momento de madurez, "a madurez propia de 17 anos de percorrido". O disco incorpora "novas sonoridades e experiencias co ánimo de darlle un enfoque novo á música de tradición oral; seguimos avanzando nese camiño", apunta Xesteira. Ademáis dos compositores e arranxistas habituais (Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Rodrigo Romaní ou Xosé Liz) neste traballo hai obras creadas para a orquestra por nomes como Xosé Lois Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña, xunto coa presenza de Susana Seivane, Orfeón Treixadura ou Rosa Cedrón.

Dende aquel inicial 'Mar de Vigo', SondeSeu non parou de avanzar na reelaboración da música de tradición oral, incorporando a colaboración de compositores e músicos. Neste disco inclúense cancións presentes no imaxinario colectivo, como "Ahi ven o Maio" ou "Campanas de Bastabales", interpretadas por grandes voces como Rosa Cedrón ou o Orfeón Treixadura.

Que é a beiralúa? "O espazo onde se atopan os exploradores dos roteiros da imaxinación. Nas marxes da lúa pódense intuir as peculiares (an) danzas destes seres", explica de xeito metafórico a orquestra, con seccións de gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas, canto, arpas e corda pulsada.