O documento marco do que será o primeiro Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade foi presentado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García en Santiago.

En palabras do responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, será "o tronco sobre o que imos traballar Xunta e sectores máis directamente implicados". O obxectivo do Goberno galego é que este plan estea aprobado a fin deste ano 2018, unha vez recollidas as achegas de todos os axentes implicados, así como despois de ser analizado no Consello da Cultura Galega, na Real Academia Galega e no Parlamento de Galicia.

Román Rodríguez explicou que desde o primeiro momento foi vontade da Xunta "facer da elaboración do plan un proceso participativo e aberto, co fin de crear unha folla de ruta realista e útil, que permita coordinar e facer máis efectivas as accións que se desenvolvan cun obxectivo común, o de incrementar o uso do galego por parte da mocidade". "Os mozos e as mozos son o futuro e, por tanto, os que poden garantir o futuro da lingua galega", sinalou o conselleiro.

O titular do departamento educativo lembrou ademais que neste momento o sistema educativo garante o coñecemento do galego, coas porcentaxes de coñecemento máis elevadas da historia nas distintas competencias -entender, falar, ler e escribir-. "Agora é o momento de fomentar o uso, debemos apostar por ir máis aló do ámbito educativo, creando situacións contextos e actitudes que favorezan o feito de optar pola lingua propia de Galicia en todos os ámbitos da vida dos máis novos", salientou. Neste sentido, explicou que o plan busca dar visibilidade ao galego en 9 áreas: asociacións, deporte, lecer (concertos, espectáculos..), industrias culturais, formación continua, comunicación dixital e redes sociais, ensino, familia e emprego e emprendemento.

Nove áreas implicadas

Dentro delas, proporanse medidas como o establecemento de acordos cos clubs deportivos para que incorporen a lingua galega ás súas comunicacións, a promoción dunha oferta competitiva de produtos culturais e audiovisuais en galego traducidos, o impulso da transmisión de galego aos fillos nas Escolas de Nais e Pais, o apoio e recoñecemento aos proxectos dixitais que publiquen integramente en galego, o apoio ás opcións dos "neofalantes" ou o aproveitamento das potencialidades do galego no mundo lusófono.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, destacou a importancia que ten este primeiro plan de dinamización para "seguir fomentando o uso do galego entre a xente nova nos ámbitos académico, laboral, familiar e nas relacións interpersoais". Nesta liña, fixo fincapé no feito de que se trate dun documento participado polas entidades que desenvolven a súa actividade no campo xuvenil.

Este será o segundo plan parcial de dinamización da lingua galega derivado do Plan xeral de normalización da lingua galega tras o elaborado pola Xunta para a dinamización do galego no tecido económico, que se aplica desde o ano 2016.