O programa Pescadores de historias da Televisión de Galicia (TVG) dará hoxe a coñecer como foi a construcción da ponte da Illa de Arousa, que non se realizou ata o ano 1985. O espazo da TVG comezará falando cos nenos e nenas de quinto curso do colexio de Eduación Infantil e Primaria Torre-Illa, que no ano 2016 realizaron un documental sobre a ponte, o que lles amosou unha realidade habitual para os seus avós, pero descoñecida para eles.

Unha das persoas que máis estudou a historia das reivindicacións da ponte e a súa propia construcción é Genito Otero, empregado de banca hoxe retirado, que contará os cambios que trouxo a ponte para as costumes dos veciños e veciñas da localidade. O programa tamén indagará nas transformacións que supuxo a ponte para o mundo do mar, xa que a Illa ten unha das confrarías con maior número de asociados de Galicia e tamén unha das maiores frotas bateeiras.