A Xunta e a Real Academia Galega (RAG) asinaron onte un convenio de colaboración polo cal a Administración autonómica destina 520.000 euros para que a institución académica realice accións culturais, de investigación científica e investimentos.

O acordo foi asinado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. No acto, tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o secretario da Academia, Henrique Monteagudo. O Goberno galego destacou, nun comunicado, que a "colaboración permanente" da Administración autonómica coa RAG permite impulsar proxectos de investigación e divulgación lingüística de alta relevancia social. Pola súa banda, o presidente da RAG explicou que, con este acto, confírmase a contribución da Xunta á institución que contemplan os orzamentos autonómicos para 2017.