O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, asegura que "a galega é unha cultura sen complexos" polo que apela ao "orgullo" cando se fala da "marca Galicia", un símbolo que supón un excepcional activo para toda a Comunidade.

Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) leva apenas un mes e medio nun cargo e confesa que aínda aprende "as necesidades dunha institución que ten 110 anos de historia, que conta cunha enorme responsabilidade e é moi solvente, está moi ben organizada e posúe unha xestión e unha economía moi acertadas". O momento actual é clave, pois este mércores celébranse as Letras Galegas, o evento de maior calado do ano no panorama cultural galego e, cuns recursos humanos e económicos limitados, anticipa un "esforzo enorme para estar á altura", unha xornada dedicada a Carlos Casares. Como presidente da RAG durante o próximos catro anos, márcase un reto que el mesmo ve moi complicado, aínda que é ilusionante e a súa consecución supoñería un cambio fundamental nunha Galicia amante e orgullosa da súa cultura. O desafío desde unha institución que "representa a memoria histórica" da comunidade é "conectala con esta sociedade, que sofre unha transformación importante no século XXI".

"Esta tarefa é difícil porque a realidade é difícil, pero non debemos esquecer que hoxe unha cultura existe na medida en que está instalada na realidade. A cultura galega pactou co alfabeto, co libro, co mundo audiovisual. Está presente nas novas tecnoloxías e ten que estar presente nesta nova realidade histórica", continúa. Incide en que a galega é "unha cultura moderna, do primeiro mundo, cunha lingua activa conectada con outros continentes, coa súa irmandade co portugués, que se debe aproveitar". "Somos unha cultura sen complexos con enorme producción en literatura, artes plásticas, cinema ou comunicación. É algo do que nos debemos sentir orgullosos. A nosa cultura, a Marca Galicia, é un activo mesmo económico xa non só no ámbito das letras senón no mundo da gastronomía, da pedra tallada ou do turismo. A Academia ten que estar aí", agrega.