A Real Academia Galega (RAG) confirmou onte que Xinzo de Limia (Ourense) é a vila elixida para centra-lo acto principal do Día das Letras Galegas que, este ano, ten como homenaxeado ó escritor Carlos Casares. A elección do lugar obecedeceu a que Xinzo foi onde medrou o autor.

Alí, terá lugar a sesión extraordinario da Academia. Será no salón de plenos do Concello de Xinzo. A partir das 11.30 horas, realizaranse varias intervencións arredor da figura de Carlos Casares. Os encargados de falar sobre el serán os académicos Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero. Non obstante, o acto será pechado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

En previsión de que o salón de plenos quede pequeno para acubilla-los veciños e visitantes que tamén queiran render tributo a Casares, a RAG, en colaboración co concello, instalará unha carpa na praza Carlos Casares na que haberá unha pantalla para seguir en directo o acto.

Esta información foi facilitada pola RAG onte nun comunicado no que lembra como Casares naceu no ano 1941 en Ourense. Sen embargo, á idade de catro anos, a familia trasladouse a Xinzo, de onde procedía seu pai.

A Academia resalta que a "comarca da Limia deixou unha importante pegada na súa vida, reflectida na súa obra literaria".

A RAG tamén explica que ese "territorio da súa infancia e adolescencia foi o elixido para o acto central dea Real Academia Galega" inda que tamén haberá outras homenaxes noutros escenarios vitais de Casares.

Precisamente, outra das lembranzas que se lle ofrecen a Casares con especial agarimo é a exposición "O Principiño ao redor do mundo. A Colección de Carlos Casares", que se inaugura hoxe na Casa Galega da Cultura de Vigo, a partir das oito da tarde.

A mostra está organizada pola Fundación Carlos Casares e o Concello de Vigo. Nela móstrase a colección de 'principiños que o escritor atesourou durante a súa vida a partir de que traducira a obra ó galego.

Isto tivo lugar no ano 1972, nun hotel de Viana do Bolo. "A partir daquel momento -explica a organización da exposición- foi mercando calquera edición que atopara nas súas viaxes polo mundo. Tamén os amigos, sabedores do seu gusto, o agasallaban con exemplares curiosos. Así, foi medrando unha colección que en vida do escritor superaba o centenar de volumes, en diferentes linguas e dialectos do mundo".

Dende a Fundación Carlos Casares, apuntan que, precisamente a súa "misión" é dála a coñecer á poboación xa que esa era a vontade do escritor galego.

Unha anécdota é que, inicialmente, ía formar parte da mostra "Os mundos de Carlos Casares", que anda a xirar por Galicia pero a súa relevancia fixo que adquirise formato propio. "No momento da súa morte, apunta a Fundación Casres, tiña na súa colección máis de 100 volumes de distintas edicións de Le Petit Prince en linguas xermánicas, eslavas, románicas, escandinavas e mesmo orientais", sen esquecer as da Península, así como en dialectos tal que o aragonés, asturiano ou estremeño.