Coincidindo co 25 de xullo, Día de Galicia, a canle pública emitirá hoxe unha gala especial para conmemorar o seu 31 aniversario. O programa especial -presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro- reúne no escenario a unha vintena de artistas.

Músicos coma Cristina Pato, Susana Seivane e a Banda de Gaitas Xarabal poñerán en valor un dos instrumentos máis representativos do territorio galego: a gaita. Ademais, Davide Salvado e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre recuperarán nas súas actuacións a música tradicional galega, acompañando as súas voces con pandeiros e coas ferreñas das pandeiretas.

Sondeseu, a primeira orquestra de música folk de Galicia dirixida por Rodrigo Romaní, tamén terá un espazo esta noite. Os temas do conxunto, formado por máis de cincuenta músicos, recobran a tradición oral e permiten apreciar a versatilidade de gaitas, zanfonas, requintos e frautas.

Alén da música tradicional, na gala conmemorativa do 31 aniversario da TVG tamén haberá espazo para outros xéneros musicais con representación galega. O grupo da movida Os Resentidos participará neste evento, lembrando os ritmos dos 80, coas letras máis orixinais; Wöyza demostrará dende o escenario que o hip-hop e o soul tamén teñen representación en Galicia e De Vacas, interpretarán O Taxi.