Camilo Nogueira recibe este domingo o Premio Trasalba que concede a Fundación Otero Pedrayo cada ano dende 1983 a personalidades destacadas do galeguismo como Valentín Paz-Andrade, Isaac Díaz Pardo, Xosé Luis Méndez Ferrín e, na edición anterior, Antón Pulido. Nogueira, de quen destacan a súa vocación europeísta, recibirá o galardón de mans do escritor Suso de Toro, encargado de presentar o acto no que tamén se presentará o libro "Camilo Nogueira. Pensar Galicia, pensar o mundo".

-Como lle senta que no marco deste premio o comparen cos homes da xeración Nós polo seu traballo por Galicia?

-Agradezo moito que me dean este premio. Máis aínda no lugar dunha persoa como Ramón Otero Pedrayo, que dalgunha forma na súa vida levou todos os valores do galeguismo. Recoñécese que hai moita xente -e agradezo que tamén me consideren así a min- que traballamos moito polo noso país. Ademáis, como fixeron os galeguistas e nacionalistas xa dende o século XIX, mirando a Galicia como unha célula de universalidade.

-O galardón entrégallo Suso de Toro, autor de "Camilo Nogueira e outras voces".

-Somos moi amigos. Él escribiu o libro no 1991 e foi a partir de ahí que emprendín unha serie de traballos, sobre todo da economía galega, o galego, a dimensión universal de Galicia e a Unión Europea; sen deixar a responsabilidade política.

-Como europeísta, que pensa do tratado da UE con Turquía sobre os refuxiados?

-Eu son un europeísta que entende a UE como proxecto histórico. Iso non quere dicir que acepte aos que están agora mandando en Europa, nin que estea dacordo coas políticas que se están a aplicar. Pero igual que non estou en contra de Galicia, que a considero a miña nación, porque agora estea gobernando o PP, estou dacordo en que exista a UE aínda que non me gusten as súas políticas. Creo que Europa debe acoller aos refuxiados que están padecendo infinitamente e estou totalmente en desacordo co que está ocorrendo cos que fuxen da miseria e das guerras.

-Que lle parecen movementos que falan de cambiar esta UE como o "Plan B" de Varoufakis?

-Iso xa o defendimos moitos e hai moita xente no Parlamento Europeo que o defende, como o grupo Verdes/Alianza Libre Europea no que estaba eu, non é ningunha novidade. A UE é o único continente do mundo que ten Estado de Benestar e moitos loitamos para que cambien as políticas actuais.

-O domingo tamén hai unha cita coas urnas, por que cre que non se presentaron xuntos o BNG e En Marea?

-Neste momento a sociedade galega está mellor que nunca ao respecto da cuestión nacional, pero en cambio os partidos políticos non están á altura da sociedade galega. O que podía ser unha ocasión para mostrar a potencia da nosa sociedade democrática, frústrase porque non chegan ao entendimento os partidos responsables, que moitas veces teñen unha visión do mundo arcaica que non corresponde á realidade. Eu defendín que debía buscarse un acordo. A culpa non está nin nunha parte nin na outra, está máis alá.

-Segue considerando ao BNG como unha alternativa política para Galicia?

-A alternativa política que o país necesita ten que ser consecuencia dunha refundación e dun novo pensamento colectivo.

-Que lle parecen as últimas declaracións de Xosé Manuel Beiras que abren a porta a recomposición do polo nacionalista?

-Eu defendín esas posicións dentro do BNG estando Beiras. A xente que pense que hai que construír un partido nacional galego, dende posicións de esquerda pero para o conxunto da sociedade, estarei dacordo con ela porque o defendín sempre. A propia realidade nos levará a que haberá que emprender outro camiño. Galicia necesita formacións políticas propias, non podemos esperar que un partido de Madrid defenda as nosas aspiracións. Pero eso non quere dicir que, como fixeron os galeguistas na República, non se poidan buscar confluencias na defensa de certas cousas con forzas doutros sitios.