O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, confesou que sempre admirou "o compromiso con Galicia de Manuel María", ademáis "da súa literatura, en especial a poesía". Alonso Montero lembra que "ten unha obra inxente, polifacética e polixenérica, que pasa por todos os xéneros e eidos". "Tratei a Manuel María moito en Lugo a partires de 1960. Alí establecemos unha relación fluída na que comentamos múltiples temas da entón actualidade política e cultural, aínda que non sempre con criterios semellantes". "Falamos moito de literatura, falamos moito de poesía, falamos de Galicia, con preocupacións sobre Galicia intensas por ambas as partes", continúa. As diferenzas chegaron polo feito de que Manuel María "empezou a militar pronto no nacionalismo galego de esquerdas" e Alonso Montero é, desde 1962, "militante do Partido Comunista". "Por tanto, a nosa óptica desde os problemas da lingua, da cultura galega, da estruturación política de Galicia, tiña diferenzas", subliña. "Sempre -agrega- admirei o seu compromiso con Galicia. Sendo importante o seu traballo xornalístico, a súa obra narrativa e a súa obra teatral, coido que todo o mundo está convencido de que o gran legado que nos deixou foi a súa obra poética", prosegue.Para Alonso Montero "é un gozo asistir este ano á presenza que ten o protagonista das Letras Galegas".